DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Congreso Transfronteirizo Galicia Norte de Portugal na Xestión que hoxe se inaugurou no campus

Galicia e norte de Portugal afondan na procura de fórmulas comúns na xestión dos residuos sólidos

Os seis millóns de habitantes da eurorrexión producen un quilo diario de residuos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 16/12/2009

Coa exposición das principais medidas levadas a cabo pola Xunta de Galicia e o Concello de Vigo en materia de xestión de residuos, comezou este mércores no Edificio de Ciencias Experimentais o I Congreso Transfronteirizo Galicia Norte de Portugal na Xestión e Tratamento de Residuos Sólidos Urbanos. Na primeira sesión, na que tamén se afonda no panorama da xestión de residuos noutros concellos galegos e portugueses, así como na Universidade de Vigo, os organizadores e participantes puxeron o acento na necesidade de establecer unha colaboración nas dúas zonas neste ámbito, así como a de contar coa necesaria colaboración cidadá.
José Cidrás, vicerreitor de Planificación, puxo de manifesto na súa intervención no acto inaugural, o compromiso da Universidade de vigo no desenvolvemento sostible a través do programa de estudos con graos e mestrados con clara vocación ambiental, así como a través de iniciativas institucionais como o Plan Suma. Pola súa banda os responsables do comité organizador Carlos Franjo e José Luis Legido, agradeceron a colaboración das institucións participantes no congreso e incidiron la necesidade de establecer canles de colaboración transfronteiriza para a xestión de residuos. "Os seis millóns de habitantes da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, teñen problemas comúns," sinalou Calos Franjo, "e un deles son os residuos que contabilizan un quilo por habitante e día". Tanto Franjo como Legido apuntaron que son moitas as empresas que dun e doutro lado da fronteira traballan na xestión de residuos e manifestaron as súas expectativas en materializar colaboracións entre elas a través da exposición de experiencias comúns.

As administracións públicas achegaron as súas medidas para a mellora do servizo

Fernando Asperilla, subdirector xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia e Raquel Díaz, concelleira de Economía e Facenda, Limpeza, Parques e Xardíns foron os encargados de expoñer as políticas de xestión de residuos en dúas administracións, unha autonómica e outra local. Asperilla foi o encargado de introducir os relatorios cun repaso á situación da xestión de residuos en Galicia dende os seus comezos, "cando o servizo sufría moitas precariedades", destacando a súa grande evolución coa introdución de notables melloras grazas á Lei 10/97, coa que se puxo en marcha o Plan de Xestión de Residuos e a obrigatoriedade da recollida selectiva, así como a creación da Sociedade Galega do Medio Ambiente. Asperilla salientou ademais a iniciativa proposta pola Xunta sobre o control de vertido de residuos, á que definiu como “un paso moi importante para limitar este feito”. Pola súa banda, Díaz trasladou aos asistentes unha mensaxe do alcalde de Vigo, Abel Cabellero, na que destacou á pertenza do Concello á Rede de Cidades polo Clima e o compromiso da cidade por involucrarse na mellora deste campo a través de medidas como a incorporación de avances tecnolóxicos, a renovación da flota e novas fórmulas de separación de residuos, “propostas coas que impulsamos a recuperación do medio ambiente e o desenvolvemento sostible” apuntou Díaz, quen salientou a necesidade da educación ambiental e a sensibilización e compromiso dos cidadáns resumidas en catro erres: redución do volume de residuos xerados, reutilización, reciclaxe e recuperación enerxética coa conversión súa conversión en combustible.

As xornadas estenderanse ata o vindeiro venres

Os relatorios e conferencias continuarán os vindeiros días 17 e 18 de decembro, xornadas nas que se afondará en situacións máis específicas deste campo, como é o caso do papel de Sogama que amosará as súas experiencias no tratamento de residuos así como a valorización enerxética dun combustible derivado destes. Para rematar a segunda xornada, os asistentes ao Congreso participarán nunha visita guiada ás instalacións de Sogama na que coñecerán in-situ a actividade da planta.
Na derradeira xornada debateranse os distintos tratamentos de residuos actuais e amosarase a experiencia en xestión do Complexo Medioambiental de Barbanza. O acto de clausura porá de manifesto o compromiso da sociedade co medio ambiente, centrándose na avaliación obxectiva da resposta cidadá na recollida selectiva de residuos urbanos.