DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Ana Acuña analiza a importancia das comunidades asentadas en Madrid na literatura galega

Galicia a ollos dos ‘madrigalegos’

A autora recolle neste estudo o testemuño de 54 representantes de grupos culturais nacidos na capita

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 10/06/2014

“En Madrid coincidiron unha serie de xeracións que tiveron moito que ver co que é Galicia hoxe en día”. Está é a principal conclusión que a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña tirou da súa investigación sobre o papel que xogaron os diferentes grupos de estudantes, escritores, artistas ou intelectuais que na segunda metade do século XX fixaron a súa residencia, temporal ou definitivamente, en Madrid. A través dos testemuños de 54 daquelas persoas ás que o xornalista Raimundo García, Borobó, definiu como os “madrigalegos”, Acuña reconstrúe a historia destas comunidades galegas na capital no seu libro Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000).

O libro que vén de publicar Edicións Xerais parte da tese de doutoramento en Filoloxía Galega que esta docente realizou sobre a literatura galega en Madrid con motivo da súa estadía como profesora lectora de lingua galega na Universidade Complutense de Madrid, entre 1996 e 2001. Aquela investigación levou a Acuña a realizar unha serie de entrevistas a algúns dos representantes dos diferentes grupos literarios, artísticos ou culturais nacidos na capital, que unha década despois revisou e actualizou para un libro que trata de reconstruír o Madrid galego a través de “historias de vida”. As de persoas como o actual presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín e Bernardino Graña ou a políticos como Bautista Álvarez, que son algúns dos 54 protagonistas dun libro que trata de amosar como “os galegos no exterior fixeron moito polo país”.

Cando a distancia non separa

Como un dos entrevistados neste libro lle relatou a Acuña, “o primeiro que facemos os galegos onde imos é buscar o centro galego”. Mais, na súa opinión, “non o facemos só por atoparnos, xa que despois derrubamos o edificio do centro galego metaforicamente e buscamos máis aló”. Non en van, o feito de marchar fóra do país non provoca un distanciamento da terra natal, senón todo o contrario. “O feito de estar en Madrid fixo que algúns fosen máis conscientes da realidade galega e así mo dixeron moitos deles”, apunta Acuña. De feito, aínda que no libro se centra fundamentalmente no ámbito da literatura, a autora analiza como os madrigalegos xogaron “un papel importante noutros campos da cultura”, ao mesmo tempo que afonda tamén na súa conciencia política, “entendida como unha preocupación pola colectividade” e que puido observar “con maior ou menor intensidade” nas diferentes épocas analizadas. “Non podemos esquecer que a UPG naceu en Madrid”, sinala Acuña, que lembra como durante a época da ditadura, “moitas das actividades culturais que se organizaban eran realmente unha tapadeira”.

Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000) estrutúrase en diferentes tramos cronolóxicos que afondan na traxectoria de grupos como a Mocedade Universitaria Castelao, da década de 1950; Brais Pinto, que se mantivo activo entre 1958 e 1961, o Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco, que abrangue de 1965 a 1969; Lóstrego e Irmandade Galega, entre 1974 e 1986, así como tamén, no labor desenvolvido máis recentemente polo Grupo Bilbao, do que a propia Acuña formou parte na última década do pasado século.

Un capítulo para a Galicia emigrante

Como relata Acuña, durante décadas Madrid foi un “importante centro receptor para aqueles galegos que querían estudar” e que a autora considera “o motor que impulsaba con forzas renovadas” os diferentes grupos literarios ou culturais que foron xurdindo ao longo das décadas. Xunto a estes estudantes, "que ao seu retorno a Galicia se converteron en persoas importantes nos campos da literatura, a lingüística ou a política”, atopábanse outra serie de emigrados para os que a capital rematou sendo un destino case que definitivo, como o pintor Raimundo Patiño ou o escritor Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey. Persoas que, como relata Acuña, “actuaron coma nexo entre as diferentes xeracións” e axudaron a que en Madrid “se organizasen faladoiros, tivesen lugar feiras do libro galego con moita repercusión e mesmo houbese mecenas, como o empresario Álvaro Gil, que contribuíron á edición de libros de autores como Ramón Cabanillas”.

Foi o labor de todas estas persoas o que permitiu, como relata Acuña, a construción dun discurso literario desde a capital nun contexto marcado pola ditadura franquista. “Varios dos entrevistados relatáronme que non sabían que existía o Sempre en Galiza ata a súa chegada a Madrid”, apunta esta profesora, para a que, “do mesmo xeito que nalgúns libros de texto de literatura galega se dedica un capítulo á Galicia do exilio, debería haber tamén outro dedicado á Galicia da emigración”.