DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En Vigo entre o 16 e o 18 de decembro

Galicia e Portugal achegarán posturas sobre o tratamento de residuos sólidos urbanos apostando pola separación e a valorización enerxética

Nun congreso que reunirá a representantes de administracións e empresas do sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 17/11/2009

Segundo a última Enquisa sobre a Recollida e Tratamento de Residuos realizada polo Instituto Nacional de Estadística (INE), cada cidadán español xera ao longo dun ano máis de 490 quilogramos de refugallos urbanos. Esta gran cantidade de desperdicios e a súa diversa procedencia fan da xestión e do tratamentos destes residuos un tema de importancia capital para as administracións públicas, en especial para os concellos. Por este motivo a posta en común de perspectivas, experiencias e proxectos de futuro supoñen un importante punto de partida para atallar un problema con repercusións graves para o medio ambiente. Para avanzar neste tema e coñecer o panorama nas dúas beiras do río Miño, a Universidade de Vigo acollerá no mes de decembro o I Congreso Transfronteirizo Galicia Norte de Portugal na Xestión e Tratamento de Residuos Sólidos Urbanos.
A organización deste evento agarda reunir entre os días 16 e 18 a preto de 100 representantes tanto das administracións públicas como das empresas do sector dos dous países. Segundo apuntou na presentación do congreso un dos seus organizadores, o catedrático José Luis Legido, “a finalidade é poñer en contacto aos especialistas en xestión e tratamento de residuos atallando do descoñecemento que hai dos diferentes sistemas empregados no norte de Portugal e en Galicia.
O congreso chega nun momento no que a Xunta de Galicia se atopa na encrucillada de decidir as novas medidas a tomar neste ámbito, momento ante o que os expertos destacan que “non son malas nin a incineración, nin a reciclaxe nin a compostaxe por si mesmas, o malo son as cousas mal feitas”. Neste sentido, tanto Legido como o profesor da Universidade da Coruña e co-organizador, Carlos Franjo, salientaron a importancia de xerarquizar e adoptar as medidas precisas sempre atendendo ao tipo de residuos que se xeran e á contorna, “as medidas que se tomen en Galicia non poden ser as mesmas das que se tomen no sur, por exemplo”.

Un programa completo e diversificado

Segundo apuntou o vicerreitor de Planificación, José Cidrás, na presentación deste evento, “o programa ofrece contidos diversos que achegarán os diferentes puntos de vista sobre o tema, dende a vertente científica ata a económica ou a social”. Cidrás salientou a implicación da Universidade neste tipo de temas vencellados ao desenvolvemento sostible e referiuse ao Plan Suma “que tamén vertebra o tratamento de residuos dentro da institución” e destacou a recente aprobación de dous novos graos neste eido, “o de Ciencias Ambientais e do Enxeñaría da Enerxía, así como os catro mestrados que ofrecemos con diferentes perspectivas sobre o tema ou os 15 grupos de investigación que traballan neste ámbito”.
Así, ao longo dos tres días de congreso trataranse, mediante conferencias, relatorios e mesas redondas, os programas de xestión e tratamento vixentes actualmente en Galicia e no norte de Portugal, o papel de Sogama, a valorización enerxética, a importancia da separación, a reciclaxe, os vertedoiros ou a compostaxe.

Incineración, reciclaxe e compostaxe

Estas son as tres alternativas principais para o tratamento de residuos sólidos urbanos e a súa elección obedece ao tipo de refugallos que se vaian tratar. De aí a relevancia da separación óptima destes residuos nos colectores para o que a concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, considera “imprescindible desenvolver campañas de concienciación para a cidadanía, xa que os cambios de mentalidade son lentos e difíciles”.
Neste sentido, tanto Legido como Franjo, explicaron que a Unión Europea insiste en xerarquizar o tratamento destes residuos, revalorizando todo o que sexa susceptible de ser aproveitado”. Unha vez que os residuos estean ben separados se lles pode aplicar o tratamento máis óptimo, aínda que salientaron a importancia previa de “concienciar para a diminución da cantidade de residuos xerados por persoa”. Sobre a incineración, Franjo explicou que “por valor calorífico, os residuos son perfectamente tratables “sempre que se queime con condicións seguras de emisións, tanto de fumes como de cinzas, por exemplo”. No que se refire á compostaxe, destacou que o Plan Nacional de Residuos, vixente ata 2017, establece a creación dun centro nacional de compostaxe que marque os criterios de calidade”, que axude a elaborar un compost que cumpra as condicións de “pureza” para poder darlle a saída comercial que agora non ten. Outra alternativa e unha das problemáticas actuais é a dos vertedoiros, que ben xestionados e cumprindo a lexislación “poden estar a 200 dunha vivenda, non son basureiros incontrolados”, puntualizou Franjo, “todos os métodos xeran consecuencias, pero temos que saber elixir o máis adecuado en cada caso”.
Trátase, como apuntou o vicerreitor, “da xestión eficiente dos recursos”, que é o obxectivo do congreso, adaptando as medidas e os programas ao tipo de residuos e fomentando a colaboración e o coñecemento entre os sistemas actuais e futuros tanto en Galicia como no Norte de Portugal, “que son sistemas ata agora moi diferentes e descoñecidos”.