DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do proxecto Sherpa do Mar, liderado polo grupo REDE, Campus do Mar e a Oficina de I+D

Galicia e Portugal impulsarán a competitividade e o emprendemento no sector mariño e marítimo

Un eido que representa o 2,3% do PIB galego e o 2,4% do emprego total na comunidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/11/2019

A eurorrexión volve converterse no escenario de traballo para un proxecto de investigación impulsado pola Universidade de Vigo e inserido na convocatoria Poctep 2019. Bautizado como Sherpa do Mar e liderado polo grupo REDE, Campus do Mar e a Oficina de I+D, o obxectivo é acompañar, titorizar e asesorar ás empresas do sector mariño e marítimo para mellorar a súa competitividade e ás persoas emprendedoras para consolidar as súas ideas de negocio en eidos como a pesca e a súa transformación, a industria naval ou o transporte de mercadorías ou persoas.

O proxecto, que arrancou este verán cun orzamento total de 997.184 € e rematará en decembro de 2021, celebrou esta semana un workshop no campus de Vigo no que se reuniron todos os socios que acompañan á Universidade de Vigo nesta iniciativa: Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), as universidades de Santiago e da Coruña, a Associação de Transferência de Tecnologia da Asprela (UPTEC), a Universidade do Porto Inovação (UPorto-UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e o Fórum Oceano-Associação da Economia do Mar. A finalidade da reunión, na que tamén participaron outros axentes relacionados co emprendemento e o sector mariño-marítimo, era debater sobre as necesidades deste sector no eido do emprendemento en base aos resultados da Diagnose do sector mariño-marítimo da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, elaborado no marco do proxecto e presentado nesta xornada.

Na apertura da xuntanza, o director do Campus do Mar e do CIM, Daniel Rey, remarcou a importancia de desenvolver iniciativas que se poidan sumar á estratexia Blue Growth mentres que a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, poñía en valor esta iniciativa que, “ao reunir aos diferentes axentes que están traballando no ámbito do emprendemento mariño e marítimo, pode axudar a chegar moito máis lonxe”, convertendo Sherpa do Mar no xermolo dun proxecto máis amplo que implique a moitos máis socios europeos a través de convocatorias H2020. O catedrático e coordinador do grupo REDE, Xosé Henrique Vázquez, explicaba que a finalidade de Sherpa do Mar é coordinar todas as iniciativas que xa están en funcionamento, aproveitando así sinerxías no ámbito do emprendemento na eurorrexión no sector mariño-marítimo. Para isto, os diferentes socios traballan no desenvolvemento de varios ítems, como unha metodoloxía de monitorización e impulso de empresas innovadoras de base tecnolóxica (Sherpa Journeys) ou un programa de acompañamento científico-técnico e de fomento da transferencia de coñecemento. 

Primeira plataforma eurorrexional de fomento da competitividade no eido mariño

Andrea Ogando, investigadora do grupo REDE, explicaba nesta xornada como o proxecto establece tres obxectivos principais. Por unha banda, estase a traballar na “valorización e consolidación dunha rede de axentes do ámbito marítimo e mariño”, mentres outro dos obxectivos é a creación de empresas na contorna mariña con alto valor engadido e finalmente, a xeración de emprego e autoemprego, prestando especial atención á xuventude. Para a consecución destes obxectivos desenvolveranse, entre outras propostas, a primeira plataforma transfronteiriza neste eido, así como un programa de asesoramento científico, un sistema de coordinación de iniciativas ou un itinerario guiado e personalizado para que as iniciativas empresariais melloren a súa competitividade. Dende o grupo REDE agardan que nos próximos meses se desenvolva un catálogo para dar visibilidade a 90 proxectos empresariais de base tecnolóxica; se avalíen 24 novos proxectos empresariais a través dos sherpas ou mentores; se realice unha diagnose personalizada a 120 empresas, seleccionando a 20 delas para deseñarlles un itinerario de mellora de capacidades de I+D+i e, finalmente, a valorización de 12 novos proxectos empresariais para acompañalos no proceso de emprendemento.

Un sector en sólido crecemento

Un dos principais puntos de partida do proxecto é a realización dunha diagnose que cuantifique a importancia do sector mariño-marítimo no conxunto da eurorrexión e nas economías de Galicia e do norte de Portugal, tanto en relación ao PIB como ao número de empresas ou empregados, a estrutura produtiva e a súa rendibilidade. As primeiras conclusións deste estudo, realizado pola consultora SPI, en colaboración co grupo REDE e Campus do Mar, foron presentadas tamén no marco desta xornada polo especialista André Novas.

O estudo recolle que en 2017 o sector mariño-marítimo produciu no conxunto da eurorrexión 1600 millóns de euros de Valor Agregado Bruto, o que representa un 1,4% do seu PIB, dando emprego a 33.385 persoas –o 1,24% do emprego total da eurorrexión. Para o experto, é importante destacar que todos os sectores que abarca amosan unha tendencia de “sólido crecemento no período 2015-2017, aumentando o VAB producido polo conxunto do sector mariño-marítimo na eurorrexión un 18,9%”. A produtividade do sector mariño-marítimo é, en termos xerais, alta, pero con grandes diferenzas entre sectores, tipos de actividades e rexións. Así, mentres en Galicia as actividades cunha produtividade maior correspóndense coas “actividades primarias do sector pesqueiro”, no norte de Portugal destaca o sector de transporte marítimo. Estas son, ademais, as actividades cunha maior marxe de explotación dentro de cada rexión.

En canto ás oportunidades de negocio, a diagnose identificou, para o conxunto da eurorrexión, “o sector de transporte marítimo e, en particular, as súas actividades anexas, como un posibilidade de emprendemento moi importante, en base á súa dimensión relativamente modesta e a unha produtividade e rendibilidade moi positivas, especialmente no norte de Portugal”. Nesta rexión tamén se identificaron outros nichos de negocio, como a pesca extractiva, o comercio ao por menor de produtos do mar e a construción e reparación naval. En Galicia, destaca sobre todo a “provisión de servicios tecnolóxicos ás empresas, para aproveitar a grande importancia das actividades primarias e secundarias no sector e contribuír a un aumento da produtividade, orientando o sector cara actividades máis innovadoras e intensivas en alta tecnoloxía”.

Xornada sobre o emprego no sector da pesca en Europa

O eido mariño foi protagonista tamén este venres doutra xornada que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Vigo no marco do proxecto Une visión européenne des océans et des mers: pêche maritime et Croissance durable, do que forma parte Campus do Mar. O workshop centrouse en analizar as oportunidades de emprego que ofrece a pesca no contexto europeo, baixo a coordinación das profesoras de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Francisca Fernández Prol e Belén Fernández Docampo e Francisco Torres, profesor de Dereito Mercantil e decano de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

A través de diferentes relatorios, a xornada tratou de achegar, dende unha perspectiva práctica a estudantes e á sociedade en xeral, as diversas saídas profesionais vinculadas ao sector pesqueiro: empregos e profesións a bordo, profesións xurídicas vinculadas ao sector marítimo pesqueiro, emprego na acuicultura e profesións vinculadas á protección dos recursos pesqueiros e do medio mariño. A xornada contou coa participación de arredor de 140 asistentes, principalmente estudantes da Universidade de Vigo e do Instituto marítimo pesqueiro de Vigo.