DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun seminario internacional que se celebra do 20 ao 22 de abril en Arbo

Galicia e Portugal unen forzas para pór en valor o potencial da lamprea

Os investigadores subliñan as múltiples posibilidades gastronómicas e de investigación que ten o pre

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 19/04/2012
“Aínda que no prato ten moitos seguidores, pódese dicir, sen medo a esaxerar, que é unha gran descoñecida para o público en xeral”. Así se refire o profesor Manuel Pombal á lamprea, un histórico animal ao que por primeira vez se dedicará un seminario internacional co que se tratará de achegar ao conxunto da sociedade os principais resultados das investigacións que se están a desenvolver en torno a este animal a ambos lados da ribeira do Miño.

A cita celebrarase dende mañá venres ata última hora da tarde do domingo no Museo do Viño e de Interpretación da Lamprea (ARABO) situado en pleno centro do municipio. Organizado polo concello de Arbo e polos grupos de investigación Neurolam e GIEEA da Universidade de Vigo, coa colaboración do proxecto europeo Deltanet e da propia Universidade de Vigo, “o evento contará con expertos na materia das Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Lisboa, así como do CIIMAR da Universidade de Porto que abordarán diferentes aspectos relacionados coa bioloxía e a ecoloxía destes curiosos animais”, explica Pombal, investigador principal do grupo Neurolam, un equipo de investigadores que dende a Facultade de Bioloxía levan anos traballando coa lamprea como material experimental para coñecer o desenvolvemento e organización do sistema nervioso central dos vertebrados.

Cun extenso programa, o seminario “tratará de pór en valor todos os coñecementos almacenados, así como fortalecer ás comunidades de base para a defensa do río Miño e a súa riqueza”, subliña outro dos organizadores, Xavier Simón, alcalde do Concello de Arbo e investigador do grupo de investigación en Economía Ecolóxica e da Agroecoloxía, GIEEA, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. “O concello de Arbo pretende pór en valor o potencial gastronómico e o potencial de investigación que ten a lamprea e todos os elementos culturais arredor deste peixe coetáneo dos dinosauros”, insiste o rexedor local.

Visita científica ao Río Miño e proxección de documentais

Ademais dos relatorios de expertos na materia, o programa inclúe unha visita científica ao Río Miño, guiada por Simón e Pombal, e tamén unha mesa redonda sobre o presente, pasado e futuro da pesca da lamprea no Río Miño con representantes das asociacións de pescadores do Río Miño de Tomiño e Melgaço e O Trabadoiro de Arbo. “A lamprea ven sendo pescada nos ríos galegos dende tempos inmemoriais, do cal dan fe as pesqueiras que constitúen verdadeiras reliquias da época de romanización, así como as técnicas de pesca coa nasa-butrón”, apunta Pombal, que explica que “antigamente considerábase que un pesco era bo cando daba mil lampreas ao ano, pero esa cifra foi baixando ata as escasas capturas actuais”.

A isto engadirase a proxección de dous documentais: A raíña dos sete buratos, producido pola Asociación Naturalista do Baixo Minho, Anabam, e Os mares doces de Galicia, dirixido por Manuel Enrique García Blanco, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.

Entre os relatores atópanse ademais dos investigadores dos grupos vigueses Neurolam e Gieea, profesores das universidades de Santiago de Compostela, Lisboa e Évora, e investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e do Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR).

Aberto ao público en xeral

O seminario está aberto á participación de estudantes, pescadores, investigadores e público en xeral. “É dicir, está aberto a todas aquelas persoas que amosen interese polo curioso e apaixonante mundo das lampreas, dende as especies presentes na península ibérica, pasando polo seu comportamento e abundancia relativa ou o seu inusual e complexo ciclo de vida dentro dos vertebrados, ata as súas especiais calidades, tanto no ámbito da gastronomía como dentro dos laboratorios como especie experimental modelo para determinados estudos de investigación”, subliña Manuel A. Pombal.

Dende a organización destacan que todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o propio venres pola mañá e lembran que é convalidable por un crédito de libre elección para todas as titulacións da Universidade de Vigo. Pódense realizar inscricións ou pedir máis información en http:/economiaecoloxica.uvigo.es ou nos correos ecoecoagro@uvigo.es e pombal@uvigo.es.