DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Albino Prada propuxo estas medidas no "I Foro Galego de Economía e Empresa"

Galicia precisa mercado exterior, especialización e calidade para saír da crise

A iniciativa desenvolverase ao longo do curso académico

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 01/12/2009

Galicia vive unha gran recesión, cun crecente deterioro da produción que se traduce tamén en termos de emprego. Albino Prada, profesor de Economía da Universidade de Vigo, analizou hoxe no I Foro Galego de Economía e Empresa a grave situación económica pola que atravesa o noso país, ao tempo que revelou unha estratexia para saír desta crise cun crecemento sólido, “é dicir, que nos permita aumentar o emprego de calidade, reducir o paro e baixar os índices de dependencia”, segundo explicou. E falou das políticas necesarias para apuntalar esa estratexia: o mercado exterior, “fundamental para un país pequeno como é o noso”, a especialización, a utilización do mar e da xeoposición da Comunidade, “unha das principais vantaxes competitivas de Galicia”, e a calidade, “procurándoa en todo o que facemos”. Unha especial atención ás infraestruturas, o desenvolvemento de clusters estratéxicos e loitar por unha economía “xusta e decente” son outras medidas apuntadas polo economista.

Década do 1996 ao 2006, primeiras alarmas de que algo non ía ben

Na década do 1996 ao 2006 a porcentaxe de ocupados sobre a poboación activa era inferior en Galicia que no resto do Estado español. E iso pasaba en sectores como agricultura, construción e servizos. Segundo explicou Albino Prada, “na década 1998-2008 Galicia estivo perdendo peso en emprego con respecto ao conxunto da economía española, e iso é síntoma dunha economía que non está a funcionar razoablemente ben”, afirmou. O único sector no que a economía galega xerou máis emprego que a española nesa década foi o industrial. O analista afirmou que, naquel momento, as expectativas eran moi positivas. O Acordo sobre obxectivos e medidas para o emprego en Galicia, asinado en xaneiro do 2007, prevía máis de 31.000 novos cotizantes da Seguridade Social para o 2008, e máis de 32.000 para o 2009, unhas cifras que chocaron contra unha realidade ben distinta: menos de 27.000 cotizantes no 2008, e menos de 40.000 no 2009. O relator falou da taxa de paro rexistrado nas oficinas de emprego, “con máis de 200.000 inscritos”, e da gran dependencia do noso sistema de protección social.
Albino Prada debuxou a situación actual de Galicia neste contexto de recesión económica, con caídas do PIB de ata o 4% “o que se traduce en termos de emprego”. Falou tamén das taxas de destrución do emprego nos sectores da construción e industrial. E revelou que existen outros sectores, como o da automoción ou o da confección, que resisten o impacto da crise.

Unha estratexia para saír da crise cun crecemento sólido

Na súa intervención, Albino Prada debullou unha estratexia para saír da actual situación de crise económica cun crecemento sólido, “é dicir, que nos permita aumentar o emprego de calidade e mellorar os niveis de dependencia”. Disminuir o déficit exterior, unha especial atención aos saldos exteriores sobre o PIB e “conservar e potenciar” as nosas fortalezas competitivas, como son os alimentos da pesca, a confección, a automoción e o material de transporte, segundo o analista, os camiños a seguir. Todo iso sen esquecer a cota de exportación da comunidade recuperando o peso do 9% sobre o conxunto das exportacións españolas, un obxectivo que o economista define de “estratéxico” para a economía galega. E recuperar tamén o peso de Galicia nas exportacións españolas a Brasil, India e China.
Albino Prada defendeu que, para levar adiante esta estratexia, cómpre pór en marcha políticas sobre factores produtivos, sobre todo nas infraestruturas, “mantendo a inversión do 8% de execución pública”. Pero tamén noutros ámbitos como o emprego, “pelexando por un capital humano de calidade e ben pagado" coa posta en marcha de políticas activas, a formación continua ou unha menor xornada con axuda pública. Pero tamén será necesario desenvolver políticas sobre a produción, co desenvolvemento en Galicia de clústers estratéxicos en sectores como as enerxías renovables, a confección, o naval e os compoñentes de automoción, entre outros. E, por último, a posta en marcha de políticas sobre servizos, loitando por un modelo de distribución global, pensando na sociedade do benestar como unha oportunidade de emprego (con servizos de axuda a domicilio, teleasistencia, centros de día ou residencias) e apuntalando unha economía que o analista definiu de “xusta e decente, con financiamentos non regresivos, axustes fiscais progresivos, fiscalidade verde e recursos de inspección fiscal e laboral contra prácticas alegais”, concluiu.

O I Foro Galego de Economía e Empresa reunirá a académicos, políticos e empresarios

A conferencia de Albino Prada é a primeira das organizadas con motivo do I Foro Galego de Economía e Empresa, inaugurado hoxe na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. O acto inaugural contou coa presenza de Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense, María Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e Santiago Lago, coordinador da iniciativa.
O Foro desenvolverase ao longo de todo o curso académico, e no mesmo participarán académicos, políticos, empresarios e sindicalistas que analizarán as medidas a tomar para sentar as bases dun novo ciclo de desenvolvemento socioeconómico para Galicia. A vindeira sesión está prevista para o día 10 de decembro coa presenza de Xosé Manuel Sánchez, secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia.