DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais e coordinador do Proxecto Ronsel:

“Galicia é recoñecida como unha reserva do sistema de cultura tradicional europeo anterior á Revolución Industrial”

Un curso de metodoloxía de traballo nas aulas abre a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 10/11/2009

Un illamento xeográfico natural, un xeito particular de poboar o territorio e a carencia endémica de infraestruturas de comunicación fan de Galicia unha das zonas máis subdesenvolvidas do estado Español. Pero estes mesmos factores fixeron posible tamén que todo un sistema de cultura tradicional preindustrial e con manifestacións, usos e prácticas de moi notable antigüidade chegara ata nós asociado, fundamentalmente, ao tecido social rural. “Deste xeito, Galicia é recoñecida por moi variados expertos como unha reserva do sistema de cultura tradicional europeo anterior á Revolución Industrial”. Así o afirmou Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e coordinador xeral do Proxecto Ronsel, na conferencia de apertura do Curso de metodoloxía de traballo nas aulas co Patrimonio Cultural Inmaterial, que comezou o seu desenvolvemento no Auditorio de Ourense. Este curso é a primeira das actividades organizadas con motivo da Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial, unha actividade que se desenvolve durante os días 10 a 14 de novembro na Praza Maior da cidade e que inclúe un variado programa de actos. Torneiros, oleiros, poteiros, zoqueiros, cesteiros e afiadores converterán este céntrico espazo da cidade nun incomparable escaparate do Patrimonio Cultural Inmaterial, con obradoiros, celebracións de festas tradicionais –como o magosto- e concertos.

O Patrimonio Cultural, o principal medio de supervivencia do xénero humano

Iván Area dedicou a primeira parte do relatorio a explicar o concepto de Patrimonio Cultural do que, segundo dixo, “é a principal ferramenta adaptativa do xénero humano, o seu principal medio de supervivencia”. E falou dunha das últimas teorías xurdidas dentro da bioloxía para explicar o proceso cultural humano. “Esta teoría considera que o Patrimonio Cultural Inmaterial está formado por unidades discretas, denominadas memes, por analoxía cos xenes que son transmitidos xenéticamente”. Esta tese foi proposta por Richard Dawkins no seu libro El gen egoísta, que defende que os humanos posuímos dous tipos de conxuntos informativos diferentes que se transmiten de xeración en xeración: un xenoma ou sistema xenético formado por xenes, e un conxunto de información cultural. O cerebro e o sistema nervioso permiten procesar a información cultural recibida a través do ensino, da imitación ou da asimilación. Esta información cultural é divisible en mínimas unidades con sentido cultural denominadas memes. “A tese máis importante de Dawkins é que os trazos culturais, estes memes, tamén se replican de xeito semellante aos xenes do xenoma”, explicou o ponente.

O sistema de valores, unha das partes máis socavadas do PCI

Na súa intervención, Iván Area falou tamén do sistema de valores do Patrimonio Cultural Inmaterial do que, dixo, é unha das partes máis socavadas deste patrimonio. Segundo explicou, “moitos destes valores, que permitían a correcta estruturación e funcionamento das comunidades campesiñas e mariñeiras, perdéronse ou diluíronse no paso dun sistema igualiario, de produción sustentable e autosuficiente, a outro baseado na desigualdade social, capitalista e que camiña cara a destrución do medio”. Foi, xa que logo, un troco na estrutura social onde non se souberon manter ou reemprazar determinados valores “que se amosaron de extraordinaria importancia ao longo da historia evolutiva da especie humana”. Entre eses valores, Area subliñou a autosuficiencia, “unha das premisas fundamentais das comunidades rurais e mariñeiras” e a solidariedade, “nestas comunidades ensinábase a axuda ao veciño como valor fundamental que vertebraba o seu funcionamento. A falta de solidariedade no actual sistema é ben patente”, explicou. Iván Area falou tamén doutros valores como o respecto, o traballo, a utilidade, a creatividade, a fortaleza a temperanza e a reciclaxe.
O coordinador do Proxecto Ronsel concluíu a súa intervención afirmando que o Patrimonio Cultural Inmaterial “formouse por acumulación e selección natural”. Dixo tamén que, do mesmo xeito que non debemos destruír o patrimonio xenético evitando que as especies desaparezan, “así debemos protexer e conservar os diferentes Patrimonios Culturais Inmateriais da Humanidade”. E sinalou que, en momentos de crise de valores, “podemos ollar para os sistemas tradicionais e tentar extraer deles aqueles valores útiles para o actual modelo de sociedade”.
O curso continuará este mércores con destacadas intervencións como a que protagonizará a directora da Comisión Europea da UNESCO, Consuelo Vázquez.