DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conferencia de Ángel Carracedo sobre 'CSI made in Galicia' con motivo do Ano Internacional da Químic

Galicia resolve máis casos criminais que o FBI

Punteira en medicina forense, ao Centro Nacional de Xenotipado de Santiago chegan os casos máis comp

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 15/12/2011

Identificaron a Anglés como autor dos crimes de Alcasser, ao maior violador en serie de Europa, a un dos terroristas do 11-M ou ao fillo de Clara Rojas, que apareceu mentres ela estaba secuestrada polas FARC. O Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela converte a Galicia nun referente internacional en medicina forense, “moi por riba do da Universidad de Münster ou do FBI, por iso nos chegan casos de todo o mundo”. Ángel Carracedo, director da institución e do Centro Nacional de Xenotipado de Santiago, fixo un percorrido pola historia da xenética e dos avances aplicados á medicina forense durante a súa conferencia CSI made en Galicia, organizada pola Facultade de Química con motivo da celebración do Ano Internacional da Química. “Pasamos de non poder axudar case aos xuíces a ter un perfil con trazos físicos ou de procedencia xeográfica do culpable con mostras do tamaño da cabeza dun alfinete”, explicou Carracedo.

A pesar do descubrimento da estrutura do ADN a mediados dos anos 50, a xenética non tivo aplicacións prácticas “ata hai pouco”, aínda que os novos descubrimentos permitiron avanzar a pasos axigantados e rematar a secuenciación do xenoma humano en 12 anos, vinte antes do previsto. “E aínda queda todo un mundo por facer”, advirte Carracedo.

Pioneiros en Europa

O Centro Nacional de Xenotipado é un dos culpables da evolución desta ciencia e da súa aplicación a nivel xudicial: de poder dicir só se un pelo era humano pasaron a facer unha identificación xenética e de aí a usar o ADN mitocondrial para casos nos que as mostras estaban moi degradadas, aínda que coa pega de que só se herda por liña materna. Foi este tipo de análise o que serviu por exemplo para certificar que os corpos aparecidos nun osario eran da familia Romanov ou o que o centro de Santiago empregou para tentar dilucidar se Cristóbal Colón estaba enterrado en Sevilla ou en Santo Domingo. A primeira vez que se empregou este sistema mitocondrial en Europa a nivel xudicial foi no crime de Alcasser, no que o laboratorio galego conseguiu identificar a Antonio Anglés como culpable do asasinato de tres nenas a través de dous pelos. Tamén foron pioneiros no uso nun crime da identificación polo cromosoma Y, o que serviu para encerrar aos culpables da morte de dúas nenas no ano 2000.

A última revolución foi o uso dos SNP, unha variación na secuencia de ADN útil con mostras moi degradadas e coa que o equipo liderado por Carracedo fixo identificacións de restos en fosas comúns ou dos corpos dos europeos mortos no tsunami asiático, de especial dificultade porque “meteron os cadáveres en bolsas con bloques de xeo enriba que se desfixeron e podreceron todos os corpos”. Tamén lles serviu para a identificación de persoas no 11-S e no 11-M, onde “coas mostras dunha furgoneta descartamos que fora usada polos que xa se suicidaran e aseguramos que probablemente eran dun home arxelino. Pouco despois foi detido. Cos restos atopados nunha das bolsas que non estoupara nun dos trens asegurámoslle ao xuíz que había 164 millóns de probabilidades de que fora dun home do sur de Europa e cos ollos azuis”. E é que o SNP varían moito dependendo da poboación de procedencia do suxeito: na Operación Minstead, no Reino Unido, descubriron que o maior violador de Europa era do Caribe e case non tiña pelo. Os datos serviron para reducir a ampla lista de sospeitosos ata tres e deter ao culpable de 83 ataques.

Probas de paternidade, as raíñas

As peticións máis habituais no Instituto de Medicina Forense son as probas de paternidade ou de parentesco, sobre todo de restos óseos por litixios con herdanzas. As seguintes na lista son as probas de criminalística biolóxica, “o que máis traballo da”. “Analízase todo o que teña algo biolóxico na escena dun crime, moitas mostras e difíciles. Nun laboratorio forense todo funciona de xeito moi manual e lento porque hai que evitar a contaminación das probas. Non sei como fan en CSI, pero nunha hora nós non solucionamos nada”, subliñou Carracedo. A identificación de restos óseos, como os da guerra de Kosovo cos que acaban de empezar; de ADN non humano; as bases de datos de ADN con fins de identificación criminal; a toxicoxenética e a patoloxía molecular son outros dos retos aos que se enfrontan cada día os Grissom galegos.