DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pegerto Saavedra, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago:

“Na Galicia do século XVIII, a fidalguía alcanzaba o 2% da poboación”

O ponente comparou a visión da vida pacega que se dá nas fontes documentais coa literaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 20/11/2009
A fidalguía dos pazos: entre a literatura e a historia foi o título do relatorio que Pegerto Saavedra, catedrático de Historia Moderna a Universidade de Santiago de Compostela, ofreceu no Edificio de Ferro. Na súa intervención, o ponente comparou a vida pacega que se recolle nas fontes documentais coa imaxe que nos transmite a literatura que, segundo dixo, “non se axusta á realidade”. Saavedra comezou a súa intervención sinalando que a nobreza territorial galega, “fidalgos que teñen residencias rurais”, é un grupo característico de Galicia e Asturias que se beneficiou da ausencia da gran nobreza. “O vacío construtivo desta nobreza ausente foi ocupado pola fidalguía”, sinalou e asegurou que a fidalguía pacega “é un grupo consolidado no século XVIII”, aínda que recoñeceu a dificultade de calcular o número de familias fidalgas´. Aínda así situou esta cifra nas sete mil familias fidalgas rentistas, o que supón que en Galicia, a fidalguía alcanzaba o 2% da poboación.

Un grupo social “heteroxéneo” que se enriqueceu grazas aos matrimonios entre herdeiros

Pegerto Saavedra revelou que as orixes deste grupo social “son heteroxéneas”, habendo dende curas e escribanos ata comerciantes e campesiños que conseguiron acumular rendas e patrimonios. Polo que respecta á economía fidalga, esta baseábase na percepción de rendas. Saavedra atribúe o enriquecemento “espectacular” destas familias “aos matrimonios entre herdeiros, que favorecían a instauración dun proceso acumulativo de bens e de patrimonio que chega ata o século XIX”.
Isto é o que sabemos da fidalguía polas fontes documentais, pero hai outro aspecto dos pazos menos coñecido: a forma de vida. “A cultura, a alimentación ou a vida cotiá nestas residencias é menos coñecida debido a que hai pouca investigación e as fontes favorecen máis os estudos dos patrimonios”, declarou. A literatura cubre ese oco de coñecemento ao amosarnos esa cara máis descoñecida da fidalguía. “A persoa que aborda por primeira vez o estudo dos pazos é Emilia Pardo Bazán na súa obra Os Pazos de Ulloa, ademáis doutros escritores como Otero Pedrayo ou Valle Inclán”, revelou.
Pardo Bazán, por exemplo, “era unha defensora do concepto de fidalguía na sociedade”, e en obras literarias amósasenos o mundo pacego “como contrapunto da sociedade contemporánea, moito máis conflitiva”. Así e todo, Saavedra sinalou que na literatura, “a imaxe do fidalgo de pazo é negativa”, e dixo tamén que “esta visión bastante tosca da fidalguía rural non se axusta á realidade porque é un grupo moi heteroxéneo”.
Na súa intervención, o ponente subliñou que os pazos máis singulares “foron promovidos por fidalgos urbanos”, e explicou cómo evolucionaron estas construcións dende os “casaríos grandes pero toscos” dos séculos XVI e XVII, ata “o palacio ou o pazo” de fins do século XVII, ata chegar aos “edificios luxosos que se consolidaron no século XVIII”. E é que, segundo dixo, “os cambios que se dan na aparencia dos pazos revelan que os seus moradores non eran tan toscos como os describe a literatura”.

“Non é descartable unha influenza pacega en certos ámbitos da vida rural”

Pegerto Saavedra concluíu a ponencia afirmando que “podemos ver os pazos como illas nas que se levaba un medio de vida urbano”. E lanzou as seguintes preguntas ao auditorio. “En qué medida a vida pacega se difundiu no mundo rural?, En qué medida contribuiron a difundir certas modas? En qué medida influiron no seu entorno?” O consumo nas aldeas modificouse no século XVIII, “polo que non é descartable unha influenza pacega en certos ámbitos”, pero recoñeceu que “non hai aínda moitas respostas porque fai falla investigar neste ámbito”. No ano 1765, no Pazo de Oca, subastáronse unha serie de bens, roupas e mobles do conde defunto que foron adquiridos polos campesiños do entorno. O catedrático de Historia Moderna puxo este exemplo para sinalar que “algunha influencia tivo que haber”, pero subliñou a falta de investigacións nesta temática. “É moi posible que o modo de vida dos fidalgos influíse no seu entorno porque, quén non desexaba vivir como un fidalgo? Únicamente un cura!”, concluiu.