DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Domingo Villar, nun relatorio sobre a proxección exterior da súa obra, na Facultade de Filoloxía e T

“Galicia ten condicións fabulosas para a novela policiaca”

Afondou tamén na súa faceta como tradutor ao español dos seus propios libros

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 16/05/2012

Domingo Villar é un dos escritores galegoa máis lidos, os seus libros Ollos de Auga e a Praia dos Afogados entraron nas listas dos máis vendidos e a súa proxección cara ao exterior creceu ata chegar a publicar as súas novelas no exterior en linguas como o español, idioma cara o que el mesmo se traduce, francés, inglés, alemán, italiano, checo, sueco, polaco etc. Pero Domingo Villar non é só un escritor de novela negra, compaxina esta faceta coa de tradutor, guionista de cine e televisión e mesmo crítico gastronómico.

Antes os seguidores de Leo Caldas, o protagonista das súas historias, Villar reflexionou sobre o feito da escrita, sobre a inspiración e o traballo, sobre o xénero da novela policiaca e sobre o proceso de tradución. Ante as preguntas da profesora Ana Luna, que conduciu a charla, Domingo Villar explicou que a lectura dun libro é “unha viaxe íntima”, igual de íntima que o proceso de escribilo. Subliñou o papel activo do lector comparando o libro cunha “praza, unha ágora na que se atopan autor e lector e cada un debe achegar a súa parte”. Pero co éxito e o recoñecemento chega tamén a dicotomía dos escritores que son “o 90% do tempo ermitáns e o outros 10% exhibicionistas”. Con todo, para o autor as vendas non son un baremo para medir o éxito, “o éxito é mirarte ao espello e que este che devolva a imaxe dun home honesto”.

En Galicia dende Madrid

Nado en Vigo en 1971, Domingo Villar reside en Madrid dende hai dez anos, “como non sentir morriña!”, apunta. Precisamente escribir as súas historia en galego e ambientalas en Galicia é un xeito de volver á terra, xa que como explica, “escribindo polo volver cada día, escoitar a choiva e ir ás tabernas, é un refuxio e un acubillo, sobre todo porque a miña lingua no 99% do tempo non é o galego”.

Pero ademais de pola morriña, o escritor localiza en Galicia as súas novelas porque “reúne unhas condicións fabulosas para as historias policiacas, pola presenza dunha fronteira, pola orografía do terreo con montes aínda virxes, pola gastronomía, polo contrabando, pola cantidade de portos” e por cidades tan eclécticas coma Vigo que “ten censados 2000 tractores”.

Porén, Domingo Villar sostén que nin o tipo de novela, nin a lingua nin a procedencia do escritor determinan o resultado da súa obra, “non existen trazos comúns entre os autores de novelas negras, pero a clave está na profundidade dos personaxes, en ser capaz de revestilos de humanidade”. Segundo a súa experiencia, as historias policiacas son un fío condutor da historia, non o centro, son un nexo que permite artellar tramas nas que “se fala de outras cosas, como a orfandade, a gastronomía, a soidade, as relacións familiares e mesmo o amor; son retratos sociais coa escusa dunha investigación policial”.

Traducir, baixar o substrato do texto

Outra das facetas de Domingo Villar, de especial relevancia para aos asistentes a este relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución, é precisamente a de tradutor. O autor encárgase de levar ao castelán todos os seus libros e faino dun modo especial, escribindo en galego cada capítulo e logo facéndoo en español. “Iso axúdame a realizar unha corrección exhaustiva do texto e teño tamén nas miñas mans o poder de melloralo e coidalo”, apunta. Villar comezou a traducir os seu libros “por necesidade”, agora faino por devoción grazas ao privilexio de “ter dúas linguas de berce” e apunta que o proceso non consiste en substituír unha palabra por outra, senón en “baixar o substrato do texto, cambialo conceptualmente, escribilo de volta”. Referiuse ao poeta Adonis, co que tivo ocasión de reflexionar sobre o proceso de tradución nunha recente visita ao Magreb, para lembrar as súas palabras: “o mellor tradutor que poden ter as miñas poesías é outro poeta que as reescriba”.