DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Proxecto pioneiro no mercado do ‘cloud computing’

Galicia ten o control da ‘nube’

O grupo GTI e Aldaba crearon un sistema para garantir a seguridade do traballo en remoto a través de

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 08/02/2011

Só se precisa usar un servizo dixital en remoto e que sexa susceptible de contrato. Son os dous requisitos para empregar o www:SLA@cloud, un novo proxecto da empresa galega Aldaba e do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Universidade de Vigo no que conseguiron desenvolver un sistema pioneiro en España que garante a seguridade do usuario e de toda a información que manexa a través da incorporación da asignación de certificados de atributos. Un sistema que enche o baleiro no mercado do cloud computing, un termo moi de moda que consiste en desenvolver servizos informáticos a través de internet para que o usuario poida utilizar calquera ordenador como terminal e acceder á información almacenada nun servidor remoto. A gran diferenza é que “agora o servidor está nun lugar descoñecido, en calquera punto do planeta, e accédese a el a través de unha interface web”, explica Felipe Gil, un dos membros do GTI que participou na fase inicial do proxecto.

Un exemplo claro deste sistema é Google Docs, un programa para crear documentos en liña coa posibilidade de colaborar en grupo, onde “a información queda almacenada nos servidores da multinacional”. Ou cando en lugar de descargar un arquivo que recibes por correo electrónico o visualizas, tendo acceso a información en remoto. Todas as facilidades para traballar dende calquera lugar do mundo e en calquera momento garantindo que a información empregada non vai pasar por mans non autorizadas, sobre todo “pensando en empresas que empregan software de xestión de negocios e que operan en remoto”.

Como funciona

Mentres que ata o de agora a garantía en servizos de infraestruturas de computación estaba baseada na confianza entre o provedor e o usuario, co www:SLA@cloud garante a demanda de servizo ao cliente a través dunha lóxica de control baseada no paradigma RBAC para avaliar a solicitude en tempo real e de construír baixo demanda os recursos solicitados, como máquinas virtuais ou espazo de almacenamento. Ademais establecerase un control de calidade asinado dixitalmente con selos temporais para garantir o correcto cumprimento e informar de calquera desviación.

Doce anos de investigación

O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) naceu oficialmente en 1999 e dende entón chegou a situarse na primeira posición de transferencia tecnolóxica da Universidade de Vigo en todo os ámbitos. Equipo de investigación punteiro, é un dos dous únicos grupos de Galicia que conseguiron o selo de excelencia outorgado pola Xunta de Galicia, o que garante un financiamento plurianual aberto. Froito deste labor investigador son as catro patentes nacionais rexistradas, xunto a unha nos Estados Unidos, unha extensión de patente europea e máis de 50 publicacións en revistas internacionais.