DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación ESN organiza unha serie de actividades para o alumnado de intercambio

Galicia a través dos ollos do estudantado estranxeiro

Neste curso comezaron cunha viaxe a Compostela e cos tándems de conversa

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 04/10/2012
Pouco a pouco vai callando e faino porque o seu traballo é recoñecido e valorado polo alumnado estranxeiro. A delegación viguesa da asociación ESN, Internacional Exchange Erasmus Student Network, é xa un referente, un punto de apoio para todos aqueles alumnos e alumnas estranxeiros que, acabados de aterrar en Galicia, precisan unha chisca de axuda. Ao fronte deste grupo de voluntarios está Francisco Blanco, que explica as dúas vertentes de traballo de ESN, por unha banda lúdica, festiva e cultural e, pola outra, centrada en axudar no proceso de adaptación deste mozos e mozas en terra galegas. “Proporcionámoslles apoio durante os primeiros días indo a recollelos á estación ou aeroporto, axudándolles a buscar piso, cos trámites burocráticos, etc. de forma que se sintan un pouco máis arroupados cando chegan a unha cidade nova”, destaca Blanco. Pero unha vez asentados, ESN ofrece unha ampla oferta de actividades “para que gocen máis da súa estancia” nalgunha das tres cidades nas que se sitúan os campus da Universidade de Vigo, dende tándems de conversa a viaxes para que coñezan outros lugares da península, pasando por visitas culturais, festas temáticas e actividades deportivas.

A primeira das visitas turísticas e culturais que realizaron neste curso tivo lugar esta fin de semana, na que un grupo de 52 estudantes estranxeiros, acompañados por membros da asociación e outros 20 alumnos da Universidade pasaron dous días na capital galega. En Santiago de Compostela puideron coñecer a zona vella, a catedral, museos, xardíns e, como non, o ambiente da cidade. Para isto colaboraron coa delegación santiaguesa de ESN, que ofreceu unha festa na noite do sábado.

En futuras datas a asociación ten previstas varias visitas a destinos como Salamanca, Valença, Porto, Baiona e Guimarães, estas dúas últimas en colaboración coa Oficina de Relacións Internacionais. Ademais participarán tamén no evento internacional que este ano acolle a cidade de Oviedo, na que se dan cita todas as delegacións de ESN.

Programa de actividades

Paralelamente á axuda ao alumnado nos primeiros días, ESN organiza unha serie de actividades periódicas ao longo de todo o ano como o semanal Cerveza e Conversa (Chat & Beer), no que se dan cita cada xoves estudantes propios e foráneos para “intercambiar impresións e conversas” e practicar tamén idiomas e coñecementos. Comezaron tamén coas festas semanais temáticas, a primeira delas a pasada semana na que cada asistente acudiu vestido coas cores da súa bandeira, que se complementarán con actividades deportivas que botarán a andar en breves datas.

De cara a este ano, dende a asociación agarda aumentar o número de participantes nas súas actividades, que no pasado curso foron algo máis de 160 persoas. Apostan ademais por seguir diversificando as súas propostas e eventos, para o que están especialmente interesados en coñecer a opinión dos participantes, aos que cada ano lles pasan un formulario no que amosar os seus intereses.