DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Geoma lidera a partir do luns unha campaña oceanográfica a bordo do Sarmiento de Gamboa

Galinclimarch: 50.000 anos de cambios climáticos a estudo na Conca Interior de Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/03/2012
Estudar os cambios climáticos acaecidos nos últimos 50.000 anos é o obxectivo da campaña oceanográfica Galinclimarch, na que liderados polo grupo Geoma, Xeoloxía Mariña e Ambiental, da Universidade de Vigo, investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo; do Instituto Andaluz de Ciencias da Terra da Universidad de Granada-CSIC e da Universidade de Aveiro, partirán o luns 2 de abril do porto de Vigo abordo do buque Sarmiento de Gamboa rumbo á Conca Interior de Galicia. Situada xunto á plataforma continental da costa galega, a Conca Interior de Galicia é unha área sedimentaria de forma alongada que percorre gran parte da marxe oeste peninsular na que os sedimentos foron rexistrando ao longo dos últimos 50.000 anos os cambios resultantes da dinámica glacial-interglacial e, en especial, as peculiaridades da transición do derradeiro interglaciar ata o presente.

O proxecto que permitirá distinguir o que son as tendencias naturais do cambio climático dos forzamentos causados pola acción humana nas últimas décadas ten o obxectivo principal, segundo explica o catedrático do grupo Geoma Daniel Rey, “de levar a cabo unha reconstrución de alta resolución da variabilidade do tempo de transporte, procedencia, achegas sedimentarias, clima marítimo, correntes de fondo e grao de alteración a partir de mostras superficiais e testemuñas da Conca Interior de Galicia e do noiro continental asociado, calibrando os resultados de medicións directas das condicións hidrográficas e sedimentarias actuais na conca e coas descargas do río Miño”.

A representación da Universidade de Vigo na expedición que forma parte do proxecto do Plan Nacional titulado Galician Internal Basin paleoclimatic sedimentary archives: transport, provenances, hidrology and realiability, complétase xunto aos representantes do grupo Geoma con integrantes do Grupo de Física Medioambiental do campus de Ourense.

Metodoloxía a empregar na campaña

A misión Galinclimarch que segundo Rey “contribuirá a unha mellor comprensión dos mecanismo que causan o quentamento global” realizará unha dobre aproximación baseada en acoutar as condicións de sedimentación actuais ao clima marítimo local/rexional e aos forzamentos rexionais do Atlántico Norte, para posteriormente inferir as condicións paleoambientais dos últimos 50.000 anos a partir do rexistro sedimentario.

O estudo das condicións oceanográficas actuais na zona realizarase a partir dunha medición directa dos parámetros oceanográficos e sedimentolóxicos principais durante un ano para o que se realizará un fondeo que recollerá datos de salinidade, temperatura e velocidade das correntes, ao tempo que tomará mostras do material sedimentario que se deposita no fondo durante este período. “A primeira parte da expedición consistirá precisamente no despregue da instrumentación e situala no fondo mariño de xeito seguro. Ademais durante esta fase tamén se estudará a estrutura do subsolo por medio dunha prospección sísmica de alta resolución”.

As medicións obtidas do estudo do rexistro sedimentario a partir da medición de análises xeoquímicas e das súas propiedades magnéticas e físicas, permitirán calibrar os datos do rexistro sedimentario, o que servirá para determinar como variaron estes parámetros nos últimos 30 a 50.000 anos. “Estes datos obteranse” explica Rey a partir de rexistros instrumentais de alta resolución sobre testemuñas sedimentarias que se recollerán durante unha segunda fase que terá lugar a continuación”, unha fase na que tamén se prestará atención á epifauna, infauna, microfauna e microestrutura do sedimento.