DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza a súa andaina nun niño do campus de Ourense na Tecnópole

O gañador do Premio ao Mellor Proxecto Empresarial pon en marcha a plataforma Ninktec

Acompañado por dous alumnos da Universidade de Vigo, axudará a desenvolver proxectos de software

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 16/12/2010
Rematou Enxeñaría Informática, fixo un mestrado de emprendemento, tiña unha idea e presentouna a un concurso. Como o seu proxecto empresarial foi o máis innovador entre os presentados, agora Pablo Gutiérrez pon en marcha o seu soño: Ninktec. Tras gañar o I Premio ao Mellor Proxecto Empresarial, convocado polo mestrado de Creación, Dirección e Innovación na Empresa, empeza agora a súa andaina empresarial, acompañado por outros dous estudantes da Universidadade e co obxectivo en mente de axudar a outros a emprender os seus propios proxectos empresariais.

“Ninktec é unha plataforma social, tanto física como virtual, de desenvolvemento de proxectos software, onde se encontran persoas que teñen ideas con persoas que saben e queren desenvolver produtos innovadores”, subliñou Gutiérrez na presentación da empresa, á que acudiu acompañado polos seus socios, Deste xeito define Pablo Gutiérrez a súa idea de negocio, Alexandro Pereiro e Marcial Rodríguez, tamén alumnos da Universidade. Como axuda para este comezo contan coa dotación do premio; o campus de Ourense cédelles de balde un dos seus niños na Tecnópole durante un ano; a Tecnópole ofrécelles asesoramento e apoio e Novacaixagalicia dálles un financiamento de 3000 euros.
Durante o acto de presentación, María Lameiras, vicerreitora do campus, lembrou que o premio que eles recibiron se enmarca dentro do compromiso da universidade cos emprendedores e salientou o valor engadido que ten Ninktec porque “non só eles mesmos son un proxecto empresarial, senón que axudarán a outros a desenvolver os seus propios proxectos”.

Ninktec estará situada na preincubadora de empresas da Tecnópole, o que segundo Luisa Pena, directora deste parque, lles “permitirá non só o uso gratuíto dos seus servizos senón tamén estar con outras empresas que xa levaron a bo fin o seu proxecto empresarial”. Unha andaina que agora comezan eles e para a que María Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia, lles recomendou un gran compromiso coa innovación e Beatriz Fernández, responsable da Obra Social de Caixa Galicia, lles desexou toda a sorte.

Reparto de beneficios

Actualmente o proxecto de Ninktec atópase en fase de desenvolvemento e os seus promotores contan con lanzar a primeira versión do sistema no mes de febreiro, coincidindo co final de exames na unviersidade e coa finalidade de lograr así un maior éxito na búsqueda de membros para desenvolver proxectos en Ninktec.

A plataforma virtual será o seu principal escenario de traballo. En www.ninktec.com os usuarios que teñan unha proposta poderán rexistrarse, compartir as súas ideas cos membros da comunidade e pórse a traballar no seu desenvolvemento cos que efectivamente estean interesados. O obxectivo é segundo Pablo Gutiérrez “romper o medo a contar as ideas e impedir que acaben morrendo nun caixón por medo a que nolas copien”.

Como modelo de negocio, a filosofía da comunidade é que a propiedade do produto final se divide entre todas as persoas que pertencen ao proxecto a través dun sistema de tantos por cento, co lema de que “a idea sen desenvolvemento só é unha idea e o desenvolvemento sen idea só son liñas de código”. Chegado o momento da comercialización do produto final, o propietario poderá facelo pola súa conta ou aproveitar os servizos de aloxamento e lanzadeiras de produtos de Ninktec.