DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Venancio López analizou o seu traballo na xornada "Fútbol sala, un deporte en auxe"

Gañar todos os partidos, reto do seleccionador nacional de fútbol sala

Na sesión celebrada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte tamén participou o adestrador

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 24/11/2010
"Non soamente clasificarse para as principais competicións, senón gañar tódolos partidos”. Este é o reto que se marca José Venancio López, adestrador da selección española de fútbol sala que este mércores participou na xornada de extension cultural Fútbol Sala, un deporte en auxe no eido do rendemento e da investigación celebrada na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte. O adestrador do combinado nacional que non coñece a derrota desde decembro de 2005, afondou n a súa intervención no seu labor, así como na planificación do proxecto deportivo do equipo español e os requisitos necesarios para converterse en xogador nacional. O adestrador do Autos Lobelle de Santiago, Tomás de Dios e o preparador físico da selección, Antonio Bores, completaron a xornada coas súas intervencións sobre o paso das categorías base á elite e o traballo da forza específica.

Trala presentación do decano da Facultade, Carlos Lago, que falou do fútbol sala como " un deporte emerxente”,José Venancio López, que chegou á Federación despois de dez anos de éxito na elite adestrando equipos como Caixa Segovia e Autos Lobelle, comezou a súa intervención facendo alusión ao “gran descoñecemento do labor do seleccionador nacional”, pois en xeral pénsase que só “traballan” cando hai competición, pero o seu posto conleva “moita responsabilidade e pasar moitos días do ano fóra da casa”. Como adestrador visiona cinco ou seis partidos en directo e en vídeo por xornada da división de honra e categorías inferiores, conversa cos adestradores dos xogadores convocados “para facer un seguimento directo e preguntar como están fisicamente, que tal están xogando…” e a organización de oito concentracións anuais “para controlalos persoalmente”.

Gañar todos os partidos

O principal reto que se marca José Venancio López coa selección española de fútbol sala “non é soamente clasificarse para as principais competicións, senón gañar tódolos partidos”. Tal é así que a selección leva sen perder un partido desde decembro do 2005 e baixo as directrices do actual adestrador dos 62 partidos disputados, 57 foron gañados e soamente 5 empatados.

Un dos principais problemas cos que se atopa o adestrador da selección á hora de convocar é a oposición dos equipos nacionais, aínda que todo “é cuestión de negociar o calendario”. Mais, é difícil que as concentracións superen os tres días, tempo que dedican a competir deixando a preparación física nun segundo plano. “Realizamos poucas sesións de adestramento porque o aspecto físico non da tempo a traballalo; centrámonos máis en aspectos tácticos e psicolóxicos", apuntou Lopez. Ademais, dispoñen de menos tempo de descanso entre partido e partido que no fútbol de once polo que a fatiga increméntase entre os xogadores. A Copa de Europa e o Mundial supoñen unha excepción a este problema de axenda, pois como se tratan das competicións máis importantes a nivel internacional, sempre gozan de maiores períodos de preparación.

Requisitos do xogador da selección

Un xogador para que sexa convocado para a selección española, ademais de ser un bo profesional e estar nunha boa forma física, “ha de ter un comportamento correcto, pois é a imaxe pública de unha federación”. O adestrador intenta traballar sempre con un grupo de xogadores “máis ou menos habituados” para intentar que o entendemento perdure no tempo. As categorías inferiores, a sub – 21 e a sub – 18, serven para descubrir novos xogadores dos cales, os que mellor se adapten á idea de deporte colectivo do adestrador, poderán debutar na selección absoluta “para coller experiencia e se vaian soltando no campo”.

As xornadas remataron coa intervención do adestrador do Autos Lobelle de Santiago, equipo líder na División de honra do fútbol sala,. A sú ponencia versou sobre o esforzo e dedicación que esixe ascender desde o fútbol base ata as competicións de elite. Así mesmo o preparador físico da selección española ofreceu un obradoiro sobre como traballar a forza específica.