DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de segundo grao en Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual presenta a curta ‘Cisma’

Ganas e constancia, claves para facerse un oco no mundo do audiovisual

Consideran que é fundamental saír a rodar fóra das aulas desde o empezo dos estudos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 12/04/2011

A canteira do Grao en Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual vén pisando forte. Os alumnos Jacobo Martínez, Germán Martínez, Sabela Souto e David Tom Villa presentaron este martes na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a curtametraxe Cisma, escrita, producida, realizada e montada por eles mesmos como un grupo de traballo que chamaron Xa Audiovisual!. Conscientes da situación actual, “pensamos que as ganas e a constancia permitiranos abrirnos un oco no mundo profesional”, comenta Germán Martínez.

Desde as aulas teñen a impresión de que o mundo do audiovisual “é un círculo bastante pechado no que custa entrar pero temos a premisa de que levando a cabo proxectos se pode conseguir algo”. Por iso, o seu leitmotiv, desde que entraron a cursar o grao, é aproveitar todos os intres que teñen entre clase e clase para concibir proxectos pois como explicou Martínez “nestes momentos que vivimos soamente coa carreira non se chega a ningún lado, non podemos esperar a cuarto de grao para comezar a vendernos”. Engaden que non fai falla “unha grande idea nin moitos recursos para ir probando e evolucionando como profesionais, principalmente ten que haber ganas e dedicación”.

Adecuar as ideas ao financiamento

Ademais de ser activos, “hai que estar pegados á realidade”, desenvolvendo proxectos que impliquen recursos de produción asumibles e uns gastos mínimos, “pero cun resultado distribuíble e digno”. Conscientes da “falta de cartos” eles xogan co tempo: “non podemos ofrecer unha compensación económica polos servizos ofrecidos polo que a insistencia e ir con tempo de antelación son as nosas principais estratexias”. Aclararon que para dar a coñecer as súas creacións “buscamos vías alternativas facendo proxeccións en centros ou nas escolas de cine, ofrecendo un contacto máis próximo co espectador”.

Nestes momentos a súa prioridade é que a curtametraxe Cisma “entre en todos os festivais do audiovisual posibles” comentan. Está presentada no Festival de Cans en Porriño e no Festival de Cine de Málaga o que lles achegará recoñecemento ademais de que “a curta circule e se vexa". Aínda que conseguir premios en metálico non é o seu principal obxectivo si que asumen que é fundamental “para alimentar próximos proxectos e non partir de cero, contando con máis comodidades”.

Coa perspectiva a medio prazo de montar unha produtora a partir de Xa Audiovisual! xa teñen en mente para o verán a rodaxe de dúas curtas, Primeirizos e Ana come mata, “unha comedia moi bizarra”. Trátase dun grupo de traballo moi consolidado no que rotan polos diferentes postos profesionais “para ir aprendendo un pouco de todo”, conclúen.