DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Fernando Ramallo é o terceiro membro español no Comité de Expertos do Consello de Europa

Un gardián para as linguas minoritarias europeas na Universidade

Participa na análise do cumprimento en España da Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/09/2014

Segundo criterios da UNESCO, e aínda que non existe un acordo unánime sobre os indicadores a ter en conta para avaliar o grao de risco de desaparición dunha lingua, en Europa hai aproximadamente 75 idiomas en perigo de desaparecer, dos que tres se falan en España: asturiano-leonés, aranés e aragonés. Na medida en que os últimos falantes destas linguas minoritarias europeas son persoas que adoitan ter unha idade avanzada semella, cando menos complicado, reverter un proceso, que a día de hoxe compromete o seu futuro a medio prazo. Consciente desta situación, o Consello de Europa conta desde 1998 cun comité de expertos sobre linguas rexionais e minoritarias co obxectivo de facer un seguimento da situación das linguas minoritarias nos 25 países que ratificaron a Carta Europea das Linguas Minoritarias, que entrou en vigor en 1998.

Integrado por membros da vintena de países que ratificaron a Carta, o Comité de expertos do Consello de Europa sobre Linguas Minoritarias conta cun membro español, o profesor do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, primeiro galego e terceiro español en desempeñar este cargo, que con anterioridade desempeñaron os profesores Alberto López e Alberto Pérez, da Universidad del País Vasco e da Universidad de Navarra, respectivamente.
“Formar parte deste Comité supón traballar a prol da dignificación, do recoñecemento social e dos dereitos da linguas minoritarias e tamén é unha sorte de compromiso coas minorías lingüísticas de Europa, entendidas como minorías sociais que precisan políticas públicas que contribúan á súa fortaleza socioeconómica, educativa e cultural”, asegura un Ramallo inmerso, xunto con outros dous membros do Comité, na análise do cuarto informe sobre o cumprimento en España da Carta Europea das Linguas 2010-2013, no que o Goberno central a través de informes dos executivos autonómicos dá conta da situación do galego, catalán-valenciano, éuscaro, valenciano e aranés, no caso das linguas cooficiais nas comunidades autónomas e do asturiano, aragonés, tamazight de Melilla e do árabe-ceutí en Ceuta, no das non oficiais. Cómpre destacar que este informe non aborda a situación do portugués en Estremadura, que si foi tratado en estudos anteriores.

O traballo dos expertos en linguas minoritarias polo miúdo

Co obxectivo de facer un seguimento da situación das linguas minoritarias nos países asinantes da Carta Europea, que na actualidade se aplica a 84 idiomas usados por 206 minorías nacionais, o Comité de Expertos inicia o seu traballo analizando o informe de política lingüística remitido cada tres anos por cada un dos estados, aos que se lles asigna un grupo de expertos, incluído o representante do estado en cuestión, que na procura de información complementaria realiza unha visita in situ ao territorio para entrevistarse tanto coas autoridades, como cos diferentes organismos e asociacións independentes dos gobernos e que desenvolven a súa actividade na promoción das linguas minoritarias. Con esta información, á que se lle pode sumar a achegada por calquera asociación que desexe poñerse en contacto co Comité, o grupo elabora o seu propio informe, avaliando particularmente o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos polo estado cando ratificou a Carta. Tras un exhaustivo análise o plenario do Grupo de Expertos aproba o informe que, incluíndo unha serie de recomendacións, é remitido ao Comité de Ministros do Consello de Europa. “En realidade trátase de obrigas legais que cada parte debe cumprir, por riba mesmo da súa lexislación doméstica, agás o establecido polas constitucións. De feito, tales obrigas requiren da adopción de cantas medidas sexan precisas para o seu cumprimento”, explica Ramallo.

No caso concreto de España, o cuarto ciclo de monitorización comezou no mes de maio coa publicación no sitio web do Consello de Europa do cuarto informe sobre o cumprimento da Carta remitido polas autoridades españolas que abrangue o período 2010-2013. “O documento enviado por España recolle os avances en política lingüística en cada uno dos territorios con lingua propia e tamén recolle unha explicación de cómo se atenderon algunhas das cuestións propostas no informe do Comité de Expertos respecto do anterior ciclo de seguimento, así como as recomendacións formuladas polo Comité de Ministros do Consello de Europa”, detalla o profesor do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo.

Continúa o retroceso das linguas minoritarias en España

En España utilízanse once linguas minoritarias: catalá/valenciano, galego, vasco, asturiano, árabe (en Ceuta), tamazight (en Melilla), aragonés, aranés, portugués (en Estremadura), lingua de signos española, e lingua de signos catalá, un listado que pode completarse con outras como o romano-caló, en proceso de recuperación por parte da comunidade xitana, máis centos de linguas introducidas polas comunidades inmigrantes. Á pregunta de cal é a situación das linguas minoritarias en España, Fernando Ramallo asegura que se trata dunha cuestión complexa, aínda que como resumo sinala que “malia as melloras indubidables dalgunhas políticas lingüísticas dos últimos 35 anos, en xeral nos territorios con linguas minoritarias en España continúa o proceso de substitución lingüística iniciado en épocas anteriores”.

Pero máis aló das diferenzas demográficas, existe, segundo o representante español no Comité de Expertos, unha diferenza xurídica moi relevante entre elas, de xeito que “aínda que a Constitución Española deixa aberta a posibilidade de que calquera Estatuto de Autonomía recoñeza a dobre oficialidade das linguas faladas nos seus territorios (art. 3.2.), opción que foi adoptada nalgúns Estatutos pero non en todos nos que era posible, o que significa que o proceso de recoñecemento da pluralidade lingüística en España, lonxe de estar concluído, ten aínda un amplo recorrido”.

Un futuro que pasa pola capacidade de adaptación

Se ben hai países en Europa nos que sobresae positivamente o pluralismos lingüístico, tanto a nivel institucional (Irlanda, Luxemburgo, Finlandia, Chipre e Malta), como no nivel federal, fronte a outros nos que destaca negativamente o monolingüismo oficial (Francia, Grecia), Ramallo considera que “non hai ningún país europeo impecable no tratamento das minorías lingüísticas, pero exemplos de plurilingüismo institucional como os citados, nos que os grupos minoritarios teñen garantidos dereitos moi salientables en ámbitos como o educativo, o xudicial ou na administración, etc. en todo o territorio estatal, poden aproximarse”.

En relación cun previsible aumento no futuro do número de linguas minoritarias, o docente e investigador da Universidade de Vigo considera que vai depender da capacidade de adaptación deses grupos lingüísticos aos desafíos que subxacen á sociedade actual, “caracterizada por unha superdiversidade sen precedentes e un desenvolvemento crucial das tecnoloxías da información e da comunicación que está chamando a minimizar o impacto das linguas denominadas internacionais nos ámbitos profesionais e académicos”. A esta circunstancia, Ramallo suma a necesaria posta en marcha de políticas lingüísticas deseñadas para potenciar as linguas minoritarias, pero advirte de que mentres estes cambios tecnolóxicos non se producen, “como consecuencia da expansión a gran escala dalgúns idiomas en Europa, nomeadamente o inglés, non é descartable que algunhas linguas actualmente ‘maioritarias’ nos seus estados sufran un proceso de minorización semellante ao acontecido con boa parte das actuais linguas minoritarias”, explica.