DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ministra de Ciencia e Innovación salientou o importante papel que xoga Citexvi na saída da crise

Garmendia e Feijóo sitúan a Cidade Tecnolóxica “á vangarda da innovación, o coñecemento e o crecemento económico”

Para o presidente da Xunta o edificio servirá como canalizador do talento existente no sistema unive

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 18/07/2011

A apertura de portas de Citexvi é abrir unha fiestra “á esperanza” en medio dun panorama económico escuro. Por iso, para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a inauguración da Cidade Tecnolóxica supón “a vangarda inicial da innovación, o coñecemento e o crecemento económico en Galicia co que poder vencer xuntos as debilidades” ás que se enfronta a sociedade. O edificio, que contará con 200 traballadores altamente cualificados, servirá para “canalizar o talento de cara a súa utilidade práctica na sociedade” no que considera o binomio perfecto entre infraestruturas e saber facer, ecuación sempre presente para tratar de atopar unha saída á crise.

Unha idea na que coincidiu a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, para quen Citexvi está chamado “a xogar un importante papel no proceso de recuperación da economía e do emprego en Galicia” e no que o Goberno central investiu dende o seu nacemento máis de 16 millóns de euros, 4,5 millóns específicos para a construción do edificio e o resto para infraestruturas e equipo de última xeración. “A Cidade Tecnolóxica é capaz de conectar de forma brillante a investigación académica que se realiza nesta institución universitaria e noutros centros públicos de investigación coas necesidades do sector produtivo, creando un espazo común de transferencia do coñecemento imprescindible para impulsar unha economía innovadora”, recalcou Garmendia.

Fusión perfecta entre oferta e demanda

Agora o futuro do edificio pasa por converterse nun espazo “dinámico que responda de xeito eficiente e eficaz á demanda non só do tecido empresarial, senón tamén dos investigadores e dos emprendedores”, aos que a ministra considera os verdadeiros protagonistas da recuperación económica. Pero para logralo e que Citexvi cumpra os obxectivos do seu nacemento o fundamental é a unión entre os actores participantes, neste caso as administracións públicas. “O proxecto é unha proba dos froitos que pode dar o traballo conxunto. Neste intre de dificultades económicas a recuperación económica e o crecemento do emprego virá da man da innovación e do talento, combinando institucións e empresas para conseguir cambiar una economía esgotada por unha nova. Alí onde a universidade non chega o resto das institucións públicas e privadas debemos esforzarnos para acadar a posta en valor da investigación”, recordou o presidente da Xunta de Galicia.

A Cidade Tecnolóxica de Vigo é para Feijóo o primeiro dos pasos a seguir: pór en marcha actividades empresariais intensivas en coñecemento, apostar pola comercialización dos resultados das investigacións e “transformar eses resultados en propiedade intelectual, algo que só se pode facer con transferencia de tecnoloxías”.