DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da University of California participou no ciclo de conferencias do Campus do Mar

Gary Libecap defende o papel das institucións como reguladoras dos recursos pesqueiros

O seu relatorio versou sobre a necesidade de aplicar normas públicas para buscar a eficiencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 11/04/2011
Gary Libecap, profesor de Xestión Ambiental da University of California, Santa Barbara, achegou hoxe a súa perspectiva sobre a administración eficiente dos recursos pesqueiros aos membros da comunidade universitaria dentro do ciclo de conferencias do Campus do Mar, que durante esta semana están dedicadas á economía.

Libecap salientou durante o seu relatorio o papel das institucións como garantes dun desenvolvemento sostible dos recursos pesqueiros. A súa proposta é que a aplicación de leis baseadas no grandfathering, ou dereitos adquiridos, incrementa “a dinámica da eficiencia, en comparación con outras alternativas”. A súa investigación céntrase no papel dos dereitos de propiedade das institucións para facer fronte ao problema que supón a “Traxedia dos Comúns”, segundo a cal varios individuos, motivados soamente polo seu interese persoal, e actuando independente, pero racionalmente, terminan por destruír un recurso compartido limitado, aínda que non sexa iso o que busca.

Por iso o profesor norteamericano defende o papel das institucións públicas como reguladoras, en especial no eido dos recursos mariños e as pesqueiras, xa que “recoñecendo as particularidades de cada un dos axentes poden motivar investimentos eficientes tanto no eido económico como ambiental”. Segundo explica, as administracións poden salientar “as habilidades innatas e históricas de cada un dos interesados, así como o seu coñecemento específico da pesqueira”, facilitando a toma de decisións, algo que non sucede cando o reparto de zonas faise mediante poxa, pois neses casos a información sobre os recursos é máis limitada.

Na súa primeira estancia na Universidade de Vigo, “aínda que non esperamos que sexa a última”, segundo asegurou Gonzalo Caballero, que exerceu de presentador e moderador, Libecap recoñeceu que o Campus do Mar é un proxecto “marabilloso. É moi importante, porque supón achegar a Universidade a outros espacios, e conectar as diversas áreas de coñecemento”, salientou.

Arnason tomará o relevo

A segunda cita dentro do ciclo, dedicada de novo á economía, será co profesor da University of Iceland, Ragnar Arnason, que impartirá unha conferencia titulada Economic Impacts of Global Warming on Fisheries ás 12.00 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Nesta ocasión, a encargada da presentación será a profesora Dolores Garza, que tamén exercerá de moderadora no coloquio posterior que estará aberto, ademais, a todos aqueles que sigan o relatorio en directo a través da webTV do Campus do Mar.