DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os integrantes de ESN Vigo organizan para eles diferentes xornadas lúdicas

Gastronomía, cultura e festas tamén están na axenda do alumnado de intercambio

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez DUVI 04/02/2013

Co fin de dar a benvida ao alumnado de intercambio que cursa na Universidade o segundo cuadrimestre e facilitar a súa integración, a Erasmus Student Network Vigo, ESN, está a organizar unha serie de actividades culturais que lles permitan coñecer con máis detalle o seu lugar de destino. Neste contexto durante esta fin de semana, os estudantes realizaron visitas guiadas a lugares emblemáticos e probaron comidas típicas da gastronomía galega grazas á implicación dos voluntarios.

Durante a tarde do sábado, cinco voluntarios da ESN acompañaron a 51 estudantes internacionais á Coruña, onde visitaron a Praza de María Pita ou a Torre de Hércules, entre outros. Tras pasar a noite en Lugo, onde tiveron a oportunidade de coñecer as tapas lucenses, aproveitaron a mañá do domingo para pasear pola muralla e visitar o Museo Provincial. Namentres, outro grupo que por un ou outro motivo non se decidiu pola excursión, tivo a oportunidade de realizar un bautismo de surf na praia de Patos.

O programa de benvida completarase esta semana coa posta en marcha dun Tándem de conversa nun local do centro de Vigo e co Chat & Beer, unha inciativa que ten por obxectivo que os estudantes foráneos acheguen as súas impresións tras dúas semanas na cidade olívica. Para dar a benvida ao entroido, o xoves farase unha festa en Vigo e, durante a fin de semana, visitarán Xinzo de Limia e Ourense para adentrarse de cheo nesta tradición galega.

A Erasmus Student Network, ESN

A ESN é unha das maiores asociacións interdisciplinares de estudantes de Europa para o apoio e o desenvolvemento do intercambio de estudantes. Presente en 36 países, o seu obxectivo prioritario é traballar na mellora da integración dos estudantes extranxeiros, representando as súas necesidades a nivel tanto local como nacional e internacional, poñendo en valor o voluntariado e a participación cidadá para logralo. Deste xeito, a ESN ofrece apoio e axuda aos estudantes, facilitando a súa estadía no extranxeiro, tanto a nivel social como académico.