DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O belga protagonizou a segunda xornada do ciclo de conferencias do proxecto

Geert Leus: “O Campus do Mar permite ao investigador non camiñar só”

O enxeñeiro da Delft University of Technology de Holanda falou sobre as comunicacións subacuáticas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 29/03/2011

Establecer comunicacións entre vehículos non tripulados submarinos e unha plataforma matriz situada a bastante distancia. Ese é o obxectivo dos proxectos que está levando a cabo o consorcio de investigación europeo UUV Covert Acoustic Communications, que estuda o emprego da modulación multiportadora para comunicacións acústicas submariñas. Un campo no que Geert Leus, enxeñeiro da Delft University of Technology de Holanda, é un experto: premiado a nivel internacional, o seu traballo de investigación céntrase no procesado de sinal e nos novos sistemas de comunicación dixital subacuática. “Con este proxecto tratamos de seguir distintas guías e comparar experimentos para ver que modulacións son máis axeitadas para determinados formatos de comunicación”, explicou Leus durante o segundo relatorio do ciclo de conferencias do Campus do Mar, ideado como unha cita mensual con expertos mundiais nos diferentes eidos da ciencia e da tecnoloxía mariña.

O proxecto no que traballa Leus é a continuación dun levado a cabo entre 2005 e 2009 con Suecia, Noruega, Dinamarca, Alemaña, Italia e Países Baixos como socios, aínda que agora “en lugar de establecer un enlace entre un punto e outro disponse dun sistema de comunicación multiportadora”. Baixo o título Multi-Carrier Acoustic Underwater Communication, o profesor presentou aos asistentes o sistema OFDM (Multiband Orthogonal Frequency Division Multiplexing), probado en augas noruegas e co que se consegue unha redución considerable da complexidade. “Trátase de elixir detalles dos distintos medios de comunicación para lograr un que funcione o mellor posible”, asegurou o investigador belga, que destaca polas súas publicacións de artigos en revistas científicas sobre o tema.

Nese contexto de investigación mariña é onde o Campus do Mar encaixa como anel ao dedo. “É unha grande idea aglutinar á xente relacionada co mar, porque a estes enxeñeiros especializados nas comunicacións submariñas permítelles ampliar as súas nocións e as posibles colaboracións. É un xeito de non camiñar só”, recorda Geert Leus.

Vindeira parada

O ciclo de conferencias continúa en abril con dúas charlas sobre economía os días 11 e 12 a cargo de Gary Libecap, catedrático de Economía na Universidade de California, e de Ragnar Arnassonn, catedrático de Economía Pesqueira e Director do Instituto de Estudos Económicos da Universidade de Islandia. A cita volverá ser na EE de Telecomunicación ás 12.30 horas, aínda que tamén poderán seguirse en directo a través de Internet na webTV do Campus do Mar, dende onte tamén se poderá interactuar cos coferenciantes a través dunha canle de chat.