DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A votación da Xunta de centro celebrouse este mércores

Gil Garrote, reelixido decano da Facultade de Ciencias

Acadou 55 votos a favor, tres en contra e dous en branco

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/12/2018

A Xunta de Facultade de Ciencias reelixiu este mércores a Gil Garrote como decano deste centro. Sendo a súa a única candidatura que se presentou ás elección a decano, o profesor acadou 55 votos a favor, tres en contra e dous en branco. Deste xeito, afrontará un segundo mandato á fronte desta facultade co obxectivo de dar continuidade ao traballo realizado por el e o seu equipo nos últimos tres anos.

“Estou moi contento e agradecido polo apoio recibido”, comentou Gil Garrote trala votación, amosándose especialmente satisfeito “pola asistencia, a participación e o resultado” acadado nesta Xunta de Facultade. O respaldo en votos recibido, afirmou, “referenda o labor destes tres anos e anímanos a seguir por un camiño similar”. Compartindo estas impresións estaban este mércores o equipo que acompañou a Gil Garrote na súa candidatura e que dá continuidade ao dos últimos tres anos. Nel incorpórase como secretaria do centro María José Pérez, profesora titular de Microbioloxía, e mantéñense Sidonia Martínez, como vicedecana de Calidade; Elena Martínez, como vicedecana de Alumnado e Promoción Exterior, e Juan Carlos Nóvoa, como vicedecano de Organización Académica.

Seis liñas de traballo

No seu discurso ante os membros da Xunta de Facultade, Gil Garrote abordou seis aspectos principais referidos a retos a enfrontar durante os vindeiros tres anos, como son infraestruturas, calidade, titulacións, promoción, alumnado e investigación. No primeiro deles salientou como “nestes momentos estase construíndo o novo invernadoiro e estamos pendentes da instalación da planta piloto, instalacións ambas que redundarán nun beneficio para todos”. No tema de calidade lembrou como os títulos do centro “pasaron brillantemente a acreditación Aneca e debemos valorar a posibilidade de acreditar o sistema interno de garantía da calidade e quizais solicitar selos europeos para os graos”.

A reflexión tanto sobre as titulacións actualmente existentes con problemas de matrícula como sobre as posibilidades que se abren ante a próxima apertura do mapa de titulacións foi outro dos aspectos abordados por Gil Garrote durante o seu discurso. Tendo en conta os datos de matrícula actuais e as previsións de caída demográfica para os vindeiros anos, o decano salientou como “debemos intensificar e diversificar os labores de promoción da facultade e das súas titulacións”. No que respecta ao alumnado destacou ademais como “queremos manter un diálogo continuo e fluído”, intentando deseñar unha oferta de cursos e prácticas externas que lles axude na súa formación, ademais de incentivar as relacións cos axentes da contorna.    

Por último, o reelixido decano da Facultade de Ciencias falou do eido da investigación, subliñando e recoñecendo os bos resultados acadados en clasificacións internacionais nas áreas de coñecemento presentes neste centro, como é o da alimentación. “Aínda que a investigación non está entre as competencias dun decanato, o noso deber é apoiar e promover todas as medidas posibles relacionadas coa investigación”, afirmou Gil Garrote durante o seu discurso.