DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores celebrouse a votación para elixir ao novo decano do centro

Gil Garrote substitúe a Pedro Araújo ao fronte da Facultade de Ciencias

O docente ocupaba ata o de agora o cargo de vicedecano

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/11/2015

A Xunta de Facultade de Ciencias elixiu este mércores como novo decano do centro a Gil Garrote. O profesor titular de Enxeñaría Química substitúe no cargo a Pedro Araújo, que durante os últimos seis anos estivo ao fronte desta facultade, non podendo presentarse á reelección despois de dous mandatos consecutivos. A candidatura de Garrote, a única que se presentou ás eleccións, obtivo 60 votos a favor, catro en contra e seis en branco. Con este amplo respaldo, o docente, que durante os últimos seis anos foi vicedecano do centro, convértese no seu novo decano.

O equipo de Gil Garrote está composto polos vicedecanos Francisco Javier Rodríguez Rajo e Sidonia Martínez, que repite no posto, e pola secretaria Elena Martínez Carballo, que tamén se mantén do equipo de goberno saínte. Despois de seis anos como vicedecano, Gil Garrote salientou que “vimos dunha etapa moi dura, na que tivemos que enfrontar a adaptación dos títulos ao Espazo Europeo de Educación Superior e unha crise económica que minguou os nosos orzamentos e no que tivemos que poñernos de cheo cos temas de calidade”. Para a nova etapa que se abre, o docente recalcou que “enfrontaremos os desafíos que haxa que enfrontar, buscando sempre o máximo consenso e información na toma de decisións. Queremos diálogo con todos os axentes”.

Entre os proxectos para os tres anos de mandato que agora comezan, Gil Garrote apuntou cuestións como a consolidación da oferta académica do centro, traballando a posta en marcha de dobres títulos e programas de simultaneidade, e a mellora das instalacións, especialmente no referido aos laboratorios. “As primeiras titulacións de grao xa están saíndo e queremos ver cal está sendo a súa empregabilidade, escoitar as demandas do noso alumnado e dos nosos egresados”, apuntou. Ao igual que nos demais centros, un dos grandes retos no futuro da Facultade de Ciencias, indicou, será a acreditación da calidade das súas titulacións.

Valoración de seis anos como decano

Coa votación deste mércores Pedro Araújo pecha unha etapa “sempre positiva polo que significa estar representando a unha facultade”. Os seis anos ao fronte do centro, apuntou, “foi un período difícil polos cambios que durante estes anos se produciron no Sistema Universitario Galego, cambios que tiveron lugar ademais nun momento de crise económica que significou un plus de esforzo e traballo por parte de todos para solucionar o mellor posible a situación”. Ese esforzo, recalcou, valeu a pena porque hoxe en día “temos unha oferta formativa interesante e homoxénea que cumpre as expectativas que tiñamos en canto a resposta social e demanda de alumnado”. Máis do 50% do alumnado do centro, explicou, é de fóra da provincia de Ourense, cifra que “demostra que damos un servizo necesario á comunidade galega e ás comunidades limítrofes”.

Todo este traballo, subliñou, “só foi posible grazas ás persoas que formaron parte do noso equipo, como Gil Garrote, Sidonia Martínez, Elena Martínez, Julia Carballo e Raquel Rial, ao persoal de administración e servizos e en xeral a todas as persoas que aínda sen ocupar cargos colaboraron no bo desenvolvemento do centro”. Rematada esta etapa de xestión, o docente afronta “con moita ilusión un cambio de actividade” que lle permitirá retomar a investigación e desenvolver novos proxectos académicos.