DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o director de Patrimonio Mundial do INAH mexicano

A globalización preséntase como o gran reto para a conservación do patrimonio inmaterial

López Morales participou na 2ª Asemblea da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural e Inm

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 29/10/2008

O proceso de globalización no que se atopa inmerso o planeta está a poñer en perigo usos, representacións e costumes tradicionais que se poden chegar a perder na memoria. A Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural e Inmaterial da UNESCO traballa arreo e, en moitos casos, contrarreloxo para frear este proceso co obxectivo de poñer en valor a cultura popular das diversas comunidades. Neste sentido, “a Universidade de Vigo está implicada como coordinadora do proxecto Ronsel”, segundo explica o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e co gallo de afondar no sistema e na estrutura da Convención, acolleu o relatorio de Francisco Javier López Morales, director de Patrimonio Mundial do Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México. Na súa intervención, afondou na aplicación da Convención no seu país e na metodoloxía e criterios de traballo de México ou tempo que explicou o funcionamento deste órgano en calidade de relator na 2ª Asemblea Xeral do mesmo.
Segundo López Morales, “España deu nos últimos anos un salto enormemente acelerado e incluso circense que sitúa nunha situación perigosa ao mundo rural, polo que se debería prestar moita atención a estes aspectos e a como preservar estes elementos”, comprendendo que non é posible volver ao pasado pero favorecendo a transmisión desta cultura inmaterial. Así, destacou que a Convención prevé dúas listas, unha para os elementos representativos e outra que comprende aquelas representación que precisan de medidas urxentes para súa salvagarda. Na actualidade son xa 115 os países que asinaron a convención, porén, outros tantos mostran certa resistencia como poden ser Reino Unido, Estados Unidos, Suecia ou Noruega “ que non miran esta iniciativa con moito interese. En fronte, África entrou con moita forza e, no caso concreto de España, mostrouse sempre moi participativa”, explicou.

Cinco ámbitos estreitamente interrelacionados

López Morales tomou parte nas tres reunións de expertos que se desenvolveron no 2001 para a elaboración do texto da Convención, que se aprobou en 2003 e entrou en vigor finalmente en 2006. As bases contemplan cinco ámbitos das manifestacións que se atopan moi interrelacionados. Por unha banda comprende Tradicións e expresións orais “incluído o idioma pero sempre como vehículo para salvagarda do patrimonio”, explica. O segundo ámbito refírese ás artes do espectáculo, incluíndo música, danza, teatro ou pantomina aínda que “en México a danza e a música non están incluídas neste epígrafe, senón no seguinte, dada a súa connotación para os noso pobos”, destacou Morales. Esta terceira clasificación á que se refire comprende usos sociais, rituais e actos festivos “que reafirman a identidade grupal ou comunal como sucesións estacionais ou calendarios agrícolas condicionados polas visións do mundo ou os recordos e isto é o que está en perigo en moitas comunidades e o reto real da globalización”. Un cuarto ámbito inclúe coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo como poderían ser no caso de México prácticas de curación, a organización social, a espiritualidade, a etnobioloxía ou a etnobotánica así como os usos alimenticios ou as ciencias esotéricas. Finalmente, está o referido ás técnicas artesanais tradicionais “que é a máis tanxible de todas pero non son os produtos os que se deben salvagardar, senón as competencias e o coñecemento para elaboralos e a súa transmisión”.
Neste tempo, unha das grandes apostas de México para ser considerado patrimonio cultural inmaterial é a festividade do Día dos Mortos e referiuse a China e Xapón como dous dos países máis involucrados na conservación deste patrimonio. “A aposta de ambos estados neste sentido é moi forte e a inxección económica para facelo marearía a moitos”, explicou ao tempo que resaltou a implicación de Xapón na conservación da cerimonia do té e en retomar a costume do kimono. Con todo, destacou que un país como México con máis de 60 etnias recoñecidas e con lingua propia e preto de 11 millóns de indíxenas, conta cun patrimonio inmenso.

Unha importante colaboración

O vicerreitor Iván Area salientou que relatorios como o de Francisco Javier López Morales son moi importantes “para refrescar recursos, debates e conceptos, reflexionar sobre o feito de que existen dúas listas e a importancia de realizar inventarios, algo necesarios por non dicir imprescindible”. Como conclusión, Area optou por focalizar neste último aspecto “todo o noso traballo, pero tendo sempre presente as dificultades que implica a clasificación”. Por último, subliñou que a Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués que se presenta este xoves e terá lugar en Ourense entre os días 8 ao 11 de novembro “é o próximo reto que temos e amosa que este patrimonio está vivo”.