DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gloria Solé aposta polo feminismo reformista que promove a igualdade de oportunidades respectando as diferenzas

Interveu nunha conferencia na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 14/12/2009

A profesora Gloria Solé Romeo, doutora en Historia Contemporánea e investigadora do feminismo, impartiu hoxe na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, convidada pola Sección Departamental de Comunicación, unha conferencia titulada Feminismo e cambio social, avances principais no ámbito educativo/profesional. Alianzas e redes sociais. No seu relatorio Solé revisou a integración profesional da muller desde unha perspectiva histórica para comprender cal é a súa situación actual, que na súa opinión ten como reto a conciliación familia-traballo en igualdade para o home e a muller.
Para Solé a clave pasa hoxe polo feminismo reformista, “que busca unha igualdade de oportunidades respectando as diferenzas lexítimas, sen complexos de inferioridade, nin teitos de cristal”. Sinala que é o tipo de feminismo presente na Unión Europea e nas súas organizacións políticas e sociais, que promoven os actuais plans de igualdade de oportunidades. A profesora cre que neste contexto xa non ten sentido “aquel feminismo radical de Simone de Beauvoir, que fomentaba a imitación do modo de produción do home por parte da muller”. Ao seu modo de ver, o xeito de vida actual irá arrinconando este feminismo, posto que a muller que traballa tamén quere ser nai. “Ese feminismo que é hostil á maternidade, á vida humana e que promove o aborto dunha maneira radical, paréceme que ten os días contados porque no fondo é hostil á muller”, declarou.

Contribucións do século XIX ao nacemento dos movementos feministas

Ao longo da súa conferencia Gloria Solé lembrou momentos importantes no asentamento histórico do feminismo. Neste sentido sinalou como século clave o XIX, momento no que xorde o feminismo como un movemento organizado, a diferenza doutras iniciativas puntuais anteriores de axuda e promoción da muller. Na raíz ideolóxica destes comezos Solé sitúa as contribucións por unha banda da Ilustración e por outra do cristianismo. “O matrimonio é a grande achega do cristianismo ás mulleres e á familia”, sinalou ao respecto, “pois antes non estaban en igualdade, senón que estaban no xineceo e no harén, e o matrimonio estableceu que fose un, con unha e para sempre”. A profesora considera isto como “un salto xigantesco” desde o punto de vista do estatus xurídico, pero con todo, remarcou tamén que a evolución foi distinta en cada continente, cunha gran diferenza entre Oriente e Occidente.
No relativo á integración educativa e profesional da muller falou do veto que sufriu en moitos ámbitos, malia amosar un grande esforzo e malia figurar sempre na atención á familia e nalgunhas profesións relacionadas coa arte, a educación e a atención das persoas. Aí situou a grande diferenza do contexto actual, indicando que “se produciu un feito insólito, coa chegada da muller a outro tipo de profesións nas que non estivo representada nunca”. Así mesmo, vinculou esa revolución no traballo das mulleres á súa entrada previa nas distintas carreiras e ensinanzas, un fenómeno que citou como xenuíno do século XX, asegurando que ela mesma viviu de primeira man en Madrid a entrada por primeira vez de mulleres en determinadas profesións.

As primeiras mulleres universitarias españolas

Na súa tese doutoral estudou as primeiras universitarias españolas, polo que quixo salientar a data de 1880, ano no Martina Castells se converteu na primeira española que acadou o doutoramento, neste caso en Francia. Con todo, eses primeiros casos foron puntuais posto que ata 1911 as mulleres non puideron estudar de xeito oficial nas universidades españolas e iso prolongou o espazo de tempo ata a entrada nas distintas profesións. Neste sentido, a profesora Solé destacou tamén que, ao contrario da idea xeral que se ten, as primeiras universitarias cursaron carreiras de ciencias, como Farmacia, Medicina ou Bioloxía. Deseguido incorporáronse á carreiras como Filosofía e Letras ou Dereito.
Naquel momento, ao remate dos estudos, perduraba a dúbida de se a muller sabería desenvolver as funcións da súa profesión igual que o home. Solé afirma que ese prexuízo está hoxe completamente superado e que se recoñece a igualdade de capacidades, polo que as mulleres entraron nas distintas profesións. “Eses tópicos caeron pola vía dos feitos e agora cando se analizan baremos, en moitas carreiras, son superiores as notas das mulleres que dos homes”, afirma Solé.
Cre que xa non existe discriminación neste sentido, aínda que sinala que “logo haxa dificultades obxectivas como é a conciliación familia-traballo”, que indica que “afecta de igual modo ao home e á muller”. Segundo ela, o reto actual das institucións, dos gobernos e das empresas é “acertar cunha boa conciliación familia-traballo en igualdade para o home e a muller”. Para a consecución deste obxectivo formula a reestruturación dos sistemas de produción e horario. Sinala que xa existen apoios e incentivos institucionais en España para crear empresar familiarmente responsables, que levan funcionando máis de dez anos.