DUVI

Diario da Universidade de Vigo

20 poñentes e 150 inscritos participan hoxe e mañá nun congreso internacional en liña 

Gobernanza, sostenibilidade, boas prácticas de xestión e tecnoloxías disruptivas, as claves da contratación pública 

O simposio está dirixido polos docentes da UVigo Patricia Valcárcel e Rafael Fernández 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 04/10/2021

Preto dunha vintena de recoñecidos expertos e expertas trasladarán, hoxe e mañá, os seus coñecementos aos 150  asistentes ao congreso internacional en liña Temas clave da contratación pública, que organizan Patricia Valcárcel Fernández e Rafael Fernández Acevedo, docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo. Logo da inauguración, na que participaron ademais dos directores do congreso, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés, que destacou na súa intervención o interese que xera "un tema candente, imprescindible para o funcionamento da adminstración pública", o congreso comezou cunha conferencia de José María Gimeno, na que o docente da Universidad de Zaragoza abordou as proposta de futuro do dereito da contratación pública na UE. 

Anos despois da celebración de dous congresos sobre contratación pública que tiveron lugar en 2021 e 2015, e aos que se engaden diversos seminarios e conferencias sobre este tema, as sesións que se desenvolven hoxe e mañá se centran “en temas clave da contratación pública que están en íntima conexión cos obxectivos do congreso: a mellora da gobernanza e a xestión da contratación en loita permanente pola integridade, pola eficiencia e a calidade, a utilización estratéxica da contratación para o logro efectivos doutras políticas públicas esenciais, ambientais, sociais e de innovación principalmente, ou a aplicación de tecnoloxías disruptivas”, detalla Patricia Valcárcel. Para os organizadores do congreso a contratación pública presenta un indubidable interese por múltiples factores, “porque consume unha gran cantidade de recursos públicos (arredor do 18% do PIB), pola vinculación que ten coa demanda cidadá de importantes servizos e infraestruturas públicas, ou porque é imprescindible para o funcionamento ordinario das propias administración (necesitan sedes, ordenadores ou telefonía e auga)”, explican os directores, que sinalan ademais que ao ser a contratación pública un medio e non un fin en si mesmo, é tamén un campo especialmente propicio para estimular o avance de políticas públicas realmente importantes como a social ou a ambiental.

Destacada presenza de membros do Observatorio de Contratación Pública

Cun volume de solicitudes de inscrición que superaron o aforo do Palacio de congresos virtual (150) e a presentación de 14 comunicacións de alta calidade por parte de especialistas, os directores do congreso amosan a súa satisfacción pola acollida desta iniciativa, que conta coa participación dos principais membros do Observatorio de Contratación Pública (ObCP), do que tamén forman parte Patricia Valcárcel e Rafael Fernández.

“O ObCP consolidouse xa como o principal think tank da contratación pública no noso país e recibe máis de 400.000 visitas anuais. No congreso intervén ademais do seu director, o profesor José María Gimeno , algúns dos seus principais membros, como José Pernas, Miguel Ángel Bernal ou Ximena Lazo”, enumera Valcárcel, que explica que tamén se deixou espazo para a intervención doutros especialistas españois, así como estranxeiros, concretamente de Reino Unido, Noruega, México, Chile, Estados Unidos, Portugal, Arxentina, Francia, Dinamarca, Colombia e Ecuador.

Retos da contratación pública

Máis aló dos eixos temáticos arredor dos que se articula o congreso: mellores prácticas de xestión, gobernanza, sostenibilidade e tecnoloxía disruptivas, e que os directores do congreso consideran tamén como os grandes retos que enfronta a contratación pública, Valcárcel e Fernández engaden “a planificación, profesionalización e a mellora dos sistemas de control da execución dos contratos e das prestacións obtidas. A todo isto, cómpre tamén engadir o papel fundamental que a contratación pública vai xogar, e xa está a xogar, na era da pospandemia , na xestión dos fondos Next Generation”, sinalan os directores do congreso.

Cadansúa mesa redonda sobre gobernanza e mellora na xestión das compras públicas e sobre sostenibilidade e tecnoloxías disruptivas na contratación pública centran as sesión que se celebran hoxe e mañá martes. No primeiro caso, as e os expertos afondan na análise de aspectos como as penalidades por incumprimento, a internacionalización da regulación, a posibilidade de ofertas a prezo cero, a loita contra a corrupción ou a renegociación  e conseguinte modificación dos contratos xustificada agora pola pandemia. No caso do papel que debe ter a contratación pública en aras de impulsar a sostenibilidade e a consecución dos ODS, reflexiónase sobre a necesidade de fortalecer as esixencias sociais para facer fronte ao contexto derivado da covid-19, sobre boas experiencias en materia de compra social e ambientalmente responsable, sobre cambio climático ou a posibilidade de impoñer como obrigatorias as cláusulas ambientais na contratación pública. Pola súa banda, no caso das aplicación das tecnoloxías disruptivas abórdanse cuestións como o cloud computing, a incorporación da tecnoloxía BIM (Building Information Modeling), a asignación automática dos códigos CPV ou o papel de DARPA (Defense Advanced Research Projects Agency) no desenvolvemento de vacinas de ARNm.