DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na 'Casa Inglesa' convivirán estudantes propios e estranxeiros co obxectivo de perfeccionar o idioma

Good morning Pontevedra!

As solicitudes para as 12 prazas nos dous pisos compartidos poden presentarse dende este mércores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 08/08/2012

Good morning! Ese será o saúdo que todas as mañás escoitarán os alumnos ou alumnas da Universidade de Vigo que se aloxen neste novo curso na Casa Inglesa, unha iniciativa pioneira posta en marcha pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra para perfeccionar o nivel de inglés do estudantado grazas á convivencia con mozos de fala anglosaxona. “Trátase dun proxecto innovador tomado doutras universidades estranxeiras que pretende, ademais de facilitar o acceso á vivenda durante o ano académico, achegar unha formación completa nun idioma estranxeiro”, explica Antonia Blanco, vicerreitora do campus. O prazo para presentar solicitudes ábrese hoxe mércores cunha oferta de 12 prazas “dado que é un proxecto piloto, pero esperamos que teña boa acollida para poder amplialo en anos posteriores”, apunta a vicerreitora.

Esta nova aposta do campus de Pontevedra ofrece a oportunidade de alugar cuartos independentes situados en dous pisos na rúa Benito Corbal, que serán compartidos con estudantes estranxeiros para aprender e practicar inglés “e ao mesmo tempo axudar ao noso alumnado na procura dunha vivenda digna e a un prezo económico”, apunta Blanco. Cada alumno aboará un aluguer que roldará como máximo os 190 euros con custes de auga, luz, calefacción e internet incluídos e “deberá falar sempre en inglés, para o que estará supervisado as 24 horas do día”, sinala a vicerreitora que fai especial fincapé na necesidade de que se perfeccione o nivel de idiomas “xa que proximamente será imprescindible para acceder aos futuros mestrados”.

Actividades académicas e sociais durante o curso

As conversas diarias en inglés veranse reforzadas por clases académicas impartidas polo Centro de Linguas da Universidade, con profesores que se desprazarán á Casa Inglesa dúas veces á semana para preparar ao alumno que así o desexe para os exames oficiais que acrediten o seu coñecemento do idioma nun determinado nivel. Ademais das clases, o programa tamén fomentará o uso do inglés entre os compañeiros de piso con actividades máis divulgativas, “nas que terán que comer todos xuntos, saír en grupo... facilitando tamén o intercambio cultural”, indica a vicerreitora que engade ademais contar en todo momento co apoio da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade, “encargada de seleccionar ás persoas nativas que convivirán cos nosos estudantes e que terán gratis a vivenda”.

Dende a Vicerreitoría do campus espérase que este proxecto piloto teña “unha excelente demanda” para poder amplialo no futuro “tanto en número de prazas como á inversa, cunha Casa Española na que alumnado de Erasmus poida convivir con estudantes españois”, expón Blanco.

Dende este mércores 8 de agosto calquera alumno ou alumna da Universidade de Vigo poderá facer efectiva a súa solicitude nos Rexistros oficiais da institución en Ourense, Pontevedra ou Vigo, dirixida á Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Unha vez recibidas todas as peticións, farase unha entrevista persoal da que sairán os 12 seleccionados.