DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa púxose en marcha en 2014 e a nivel local participaron xa máis de 1300 persoas

Google volve elixir Vigo para impartir en Galicia os cursos gratuítos do programa Actívate

A cita será nesta ocasión do 2 ao 6 de outubro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 21/09/2017

Google volve a elixir a cidade de Vigo e, máis concretamente o seu campus, para lanzar en Galicia unha nova edición do programa Actívate de formación gratuíta para persoas interesadas en mellorar as súas competencias dixitais, unha iniciativa posta en marcha en 2014 e na que, dende entón, xa participaron a nivel local máis de 1300 alumnas e alumnos, unha boa acollida que agardan volva repetirse nesta ocasión.

A cita será nesta ocasión do 2 ao 6 de outubro no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, lugar elixido para impartir o curso básico de Marketing Dixital. “A economía dixital está transformando o mercado laboral e as competencias dixitais cobran cada vez máis valor nos procesos de selección das empresas, por iso é fundamental apostar por este tipo de formación”, explica nun comunicado da empresa Francisco Ruiz Antón, director de Políticas Públicas e Asuntos co Goberno de Google España e Portugal.

Con carácter presencial e 40 horas de duración (de 09.00 a 18.00 horas), o curso busca que as persoas matriculadas adquiran os coñecementos e as ferramentas básicas da contorna dixital, incluíndo as coñecidas SEO (Search Engine Optimization) e SEM (Search Engine Marketing), todo un conxunto de ferramentas, técnicas e estratexias que axudan a optimizar a visibilidade de sitios e páxinas web a través dos motores de busca. A maiores afondarase tamén en diferentes cuestións relacionadas coa analítica web, comercio electrónico, redes sociais, dispositivos móbiles ou emprendemento e busca de emprego no sector dixital.

As persoas interesadas en matricularse poden inscribirse ata esgotar as prazas dispoñibles a través da web da plataforma Actívate. Na anterior edición, celebrada en abril de 2016 na mesma escola, participaron no curso preto de 200 persoas, sobre todo mozas e mozos recen titulados con interese laboral no sector dixital.

Un programa no que colaboran 28 universidades de toda España

Ademais deste curso básico de marketing dixital, o programa Actívate, no que participan 28 universidades de toda España, inclúe diferente actividades formativas, tanto de carácter presencial como en liña con cursos sobre comercio electrónico, cloud computing, desenvolvemento app e web, formación en emprendemento, etc. “Son máis de 34.000 as persoas que conseguiron un emprego ou unhas prácticas, tras pasar por Actívate, xa sexa por conta allea ou lanzando o seu propio negocio. Así mesmo, máis de 222.000 persoas que se formaron en competencias dixitais no noso país grazas a esta iniciativa”, explicaron desde Google.