DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto tivo momentos para alegría e tamén para o recordo

A graduación dos alumnos do Programa de Maiores puxo de manifesto que nunca é tarde para saber máis

A madriña do acto foi Inés Iglesias, decana da Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 07/11/2008

Bandas e diplomas ataviaron onte ao alumnado do Programa de Maiores que celebrou no seu acto de graduación. Tras anos de duro traballo, a 4ª promoción de Graduados Universitarios Senior e a 2ª de Graduados Superiores Senior, aproximadamente uns 30 alumnos, recolleron o froito do sementado durante estes cursos. Atrás quedan excursións, compañeiros e días de estudo, aínda que de seguro serán inesquecibles para todos eles.
O acto de graduación deu comezo da man de Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, que presentou a actuación da Coral Ruada. Esta agrupación foi a responsable de poñer a nota musical á tarde enchendo a sala de aires de festa.
Tras varios alalás e foliadas foi a quenda de Josefina Pato, directora do Programa para Maiores. Con ela viviuse uns dos momentos máis emotivos da tarde ao lembrar a falecida Marila de Villa Antolín, “unha persoa extraordinaria, amiga, compañeira e alumna destas aulas que hoxe tiña que estar aquí”, describiu Pato emocionada. Despois destes minutos de recordo, a directora do programa, deu paso á madriña das promocións Inés Iglesias Canle, decana da Facultade de Dereito, “unha persoa cun extenso currículo pero da que me gustaría destacar como calidades principais a honestidade, o espírito de traballo e a responsabilidade”, calificou Pato. Iglesias saltouse o guión que tiña preparado “xa que nos atopamos entre amigos e merecedes un discurso informal”, dixo. Para a decana, os alumnos desta graduación “contan con formación e experiencia, pero sobre todo coa ilusión e a alegría con que emprenden todos os seus proxectos”, son persoas que sen necesidade de obter ningún título para a súa vida laboral “aceptaron a universidade con maíusculas”, continuou Iglesias. “Este acto non é un punto e final, senón o comezo dun novo camiño no que tedes que transformar o mundo que vos rodea”, concluíu a madriña.
En representación dos alumnos egresados, María Dolores Sánchez, ofreceu unhas palabras aos asistentes “desexando que teñan tres características: sinceridade, agradecemento e alegría”. Entre nervios e emoción brotaron as verbas da súa boca que lle deron forma a un breve discurso no que destacou que “nunca é tarde para saber máis”.
A proxección dun vídeo coa memoria das actividades feitas durante o curso fixo lembrar aos presentes os momentos felices vividos cos seus compañeiros de aulas e, tras el, chegou o momento máis importante da tarde, a imposición de bandas e a entrega dos ansiados diplomas.

Os protagonistas

Unha trintena de alumnos do Programa de Maiores orgullosos e contentos, subiron ataviados coas súas mellores galas a recoller da man de Pato, Membiela e Iglesias as bandas, pins e diplomas que os acreditan como egresados. Entre fotos e risos Membiela foi quen lle puxo fin cun discurso no que non faltou o humor, xa que “nos actos de graduación habituais os alumnos están acompañados por pais e avós, e hoxe son os avós os que veñen con fillos e netos”, analizou o vicerreitor. Para Membiela o Programa para Maiores “é un aprender e ensinar xuntos”, porque a Universidade non só é un lugar para estudar “senón un espazo para vivir e compartir”, afirmou. E finalmente o importante na vida “non é ata onde chegues senón o que vivas polo camiño”, rematou Membiela.
Non podía faltar, como colofón ao acto, o himno dos graduados, a Coral Ruada saíu novamente ao escenario para darlle voz ao Gaudeamus Igitur, que foi seguido polos xa graduados. Máis tarde un convite para egresados, familiares e convidados, daríalles a oportunidade de recobrar folgos.