DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Universidades de Vigo e São Paulo estrean este curso a dobre titulación

Graduados en Dirección e Xestión Pública a ambos lados do Atlántico

O decano da Escola de Artes Ciencias e Humanidades Jorge Bourei visitou Pontevedra e Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 03/09/2013
Iolanda Fernández | Pontevedra
Brasil e Galicia están máis unidas ca nunca, agora tamén no ámbito académico. O Plan de Internacionalización da Universidade de Vigo fai posible que neste curso o alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública poida estudar un ou dous cursos desta titulación na Universidade de São Paulo ao tempo que os estudantes brasileiros teñen a opción de trasladárense ata o campus pontevedrés para cursar estes mesmos estudos. Unha vez rematada a súa formación, estes mozos e mozas obterán un dobre título outorgado por ambas as dúas universidades. Para coñecer mellor a institución académica viguesa e o campus de Pontevedra, o decano da Escola de Artes Ciencias e Humanidades da universidade brasileira, Jorge Bourei, mantivo este martes en Vigo unha reunión co vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, e xa pola tarde visitou a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

A hospitalidade e o interese do profesorado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en “materializar” esta dobre titulación é un dos aspectos sobre os que puxo o acento o decano da Escola de Artes Ciencias e Humanidades da Universidade de São Paulo, Jorge Bourei. “Estamos tan satisfeitos cos resultados obtidos ata o de agora que xa pensamos nunha terceira fase na que ambas universidades colaboren nas áreas de cultura e extensión universitaria”, destacou Bourei. A dobre titulación en Dirección e Xestión Pública, á que poden acollerse un máximo de 20 estudantes, “é unha alianza estratéxica coa Universidade de São Paulo, a máis prestixiosa de Latinoamérica”, salientou un dos coordinadores do grao e profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Álvaro López Mira.

Enriquecemento mútuo

Para poder acceder a este programa os alumnos e alumnas deben cursar os dous primeiros anos da súa carreira na súa universidade de orixe, realizando como mínimo un dos dous anos posteriores no centro brasileiro e obtendo así a dobre titulación. Coa intención de facilitar a mobilidade do alumnado, ambas universidades asinaron un convenio no que entre outros puntos se establece o recoñecemento da lingua portuguesa do Brasil e da lingua galega, non sendo preciso que os estudantes brasileiros presenten un certificado de suficiencia na lingua española nin os españois na lingua portuguesa.

“Con esta dobre titulación ambas as dúas universidades saen gañando”, salienta o decano da escola brasileira. Tamén saen moi beneficiados os alumnos e alumnas que deciden vivir esta experiencia de intercambio “enriquecendo a súa formación coñecendo a realidade económica e social do país”, sinala Bourei que tamén destaca o “recoñecemento” que supón esta dobre titulación “no que atinxe á tradición milenaria de Europa cun país que aínda comeza agora a escribir a súa historia”. Neste sentido o decano tamén incidiu no fito que supón para a Universidade de São Paulo este logro “abríndolle as portas a outros centros para realizaren colaboracións similares”. Ata o de agora, a Escola Escola de Artes Ciencias e Humanidades é pioneira neste campo “e serve como exemplo a seguir”, destacou.

Tanto para o decano da universidade brasileira, como para Álvaro López Mira, esta dobre titulación “non pode ser máis beneficiosa para ambos centros”, aseguran. “Capacita ao alumando para o exercicio da profesión e incrementa notablemente as súas expectativas laborais incluíndo Brasil como posible destino”, sinalou López Mira. A isto, cómpre engadirlle “o enriquecemento cultural que poden adquirir nun mundo globalizado coma o actual”.

As primeiras impresións e experiencias

Mariana LourenÇo e Pedro Junquera son dous dos primeiros alumnos da Universidade de São Paulo en visitar o campus pontevedrés. Ambos os dous están no cuarto curso do Grao en Dirección e Xestión Pública. Para LourenÇo obter un título no seu país e ao mesmo tempo un en Europa supón unha “enorme vantaxe á hora de incorporarse ao mercado laboral”. Nisto mesmo incidía Junquera, nunha xuntanza informal co decano da Escola de Artes Ciencias e Humanidades da universidade brasileira, Jorge Bourei, o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho e os coordinadores do grao, Celso Cancela, Álvaro López Mira e Enrique Varela.

Tamén acudiron a esta reunión Eva Campos e Ángel Gil, dous alumnos do terceiro curso que están interesados en estudar o vindeiro ano en Brasil. Especializarse nas políticas sociais e “coñecer outro ambiente universitario” son para Gil dous motivos máis ca suficientes para apostar por esta dobre titulación. Pola súa banda, Campos incidiu máis a oportunidade de formarse nunha universidade de recoñecido prestixio como é a de São Paulo, un feito que “repercutiría moi positivamente no meu currículo”.