DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O rei Felipe VI presidiu a entrega de Reais Despachos na Escola Naval Militar de Marín

Gradúase a primeira promoción de oficiais con grao universitario

José María Pousada fai un balance “moi positivo e satisfactorio” de cinco anos do CUD

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 16/07/2015

“Son a promoción de oficiais mellor preparados da historia da Armada”. Con estas palabras define José María Pousada, director do Centro Universitario da Defensa, adscrito á Universidade de Vigo, aos 66 novos oficiais que este xoves recibiron na Escola Naval de Marín, coincidindo coa celebración do Carme, patroa da Armada, os seus Reais Despachos, nun acto que estivo presidido polo rei de España, Felipe VI, que foi recibido coas 21 salvas de honra e a interpretación do himno nacional. Son a primeira promoción do CUD, centro que botou a andar en 2009 froito da alianza entre a ENM e a Universidade, os primeiros oficiais que recibiron unha ensinanza integral na que, ademais da formación militar específica, recibiron tamén docencia universitaria que os converte en Graduados en Enxeñaría Mecánica, coa intensificación en Tecnoloxías Navais.

A Escola Naval Militar de Marín vestiuse de gala para celebralo e a cerimonia contou coa presenza de numerosas autoridades militares, autonómicas e académicas. Non faltaron o ministro de Defensa, Pedro Morenés; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o reitor, Salustiano Mato; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o delegado do Goberno, Santiago Villanueva; e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, entre outros.

O programa comezou coa chamada e formación do batallón de alumnos, ao que procedeu a incorporación da bandeira e, pasadas as 11.30 horas, chegaba ao recinto Felipe VI, que presidiu as Honras de Ordenanza e a revista ao batallón. E, tras o tradicional homenaxe aos militares falecidos e a xura de bandeira dos 51 alumnos de primeiro curso, tivo lugar a entrega de despachos, así como a imposición de condecoracións aos novos oficiais que obtiveron o número un das súas respectivas promocións. A continuación, o presidente da Xunta de Galicia fixo entrega dun sable ao número Un da promoción do Corpo Xeral da Escala de Oficiais e, tras finalizar a entrega de despachos, interveu o comandante- director do centro, Juan Luis Sobrino, que, recurrindo a metáforas náuticas, referiuse ao período educativo dos alumnos saíntes como “cinco anos de singraduras con períodos de bonanza e borrascas pero nos que a claridade na determinación do porto de chegada obtiveron a merecida recompensa de recalar no destino sen que a nave sufrira apenas danos”.

“A satisfacción do deber cumprido”

“A graduación desta primeira promoción supón para o CUD, ao igual que para a Escola Naval, si se me permite a expresión militar, a satisfacción do deber cumprido”, subliña José María Pousada, ao tempo que fai fincapé en que a responsabilidade do centro, non se limita a proporcionar a formación do título de grao coa mesma calidade e nivel que en calquera outro centro universitario, senón que a formación de cinco anos que recibe o alumnado, asumida pola propia Escola Naval Militar e polo CUD, debe ser entendida coma un todo. “O éxito reside en que os alumnos a perciban como unha unidade e como tal a asuman”, apunta o director, que recalca o feito de que non se trata de que os alumnos se centren exclusivamente na formación militar, deixando de lado a universitaria ou, a contrario, dedicación exclusiva ao título de grao esquecendo o militar. “Neste senso a graduación desta primeira promoción nos termos nos que se conseguiu, supón todo un éxito de coordinación, entre a ENM e o CUD e de motivación ao alumnado”, recalcou Pousada.

Traballando xa en mestrados de especialización

En relación ao reto de formar a esta nova xeración de oficiais, o director do centro admite que, se ben o modelo de formación e o plan de estudos se definiran entre os anos 2007 e 2009, ao arrancar o primeiro curso en setembro de 2010 eran moitas as incógnitas que estaban sen resolver, pero, pasados estes cinco anos, “podo asegurar que os alumnos asumiron perfectamente todas esas dificultades, o que os fixo máis fortes e maduros profesionalmente e nos permite que o camiño das seguintes promocións sexa un pouco máis doado”, subliña Pousada, que fai fincapé en que o balance é “moi positivo e satisfactorio”, tanto polos resultados obtidos, como polas primeiras valoracións realizadas polos seus xefes durante as prácticas profesionais que tiveron que cursar nos últimos meses.

En canto ás expectativas do centro, o director explica que, en canto se teñan valoracións do desempeño profesional desta primeira promoción de egresados, tomaranse as medidas oportunas para corrixir os posibles defectos de formación que se detecten e, en paralelo, o propio Ministerio de Defensa, está xa a traballar na definición de mestrados de especialización para os oficiais dos tres exércitos “que tamén estarán abertos ao mundo civil e nos que é previsible que os CUD participen de forma activa”.