DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fin de carreira para 119 estudantes de Administración e Dirección de Empresas

Gradúase a primeira promoción de xerentes “socialmente responsables”

Fomentar unha xestión máis humana e a formación continua, retos aos que teñen que enfrontarse en ple

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 09/06/2011

A ritmo de bombo, gaitas e pandeiretas. Así deron a benvida os 119 alumnos de Administración e Dirección de Empresas a piques de graduarse aos familiares e amigos que ateigaron o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, aos profesores e padriños e madriñas de promoción en cada unha das catro especialidades que lles deron o pulo definitivo para saír á rúa nun momento “complicado” como abandeirados da primeira promoción de “xerentes socialmente responsables, o que significa facer o mesmo de sempre pero sendo moito máis humanos”. Unhas bases que saen da Universidade de Vigo, “unha universidade pública á que debemos corporativismo porque nos permitiu o acceso á mellor educación. Agora toca devolverllo á sociedade co bo desempeño do noso traballo, un traballo ético e responsable”, explicaron os representantes dos que remataban a carreira, Daniel Pérez e Lucía Méndez.

Unha saída á realidade na que durante cinco anos o alumnado das especialidades de marketing, finanzas, dirección e contabilidade foron gañando táboas nos catro piares básicos de todo bo xerente: formación, experiencia, habilidades persoais como ser capaces de tomar decisións ou traballar en equipo e, a fundamental, sorte. “Nos tres primeiros factores ides ben encarrilados, así que só queda desexar sorte e, parafraseando a un profesor que vos coñecedes, que sexades felices”, apuntaba Santiago Gómez Fraiz, decano da facultade.

Reciclarse ou morrer

Son a promoción de universitarios “mellor preparada da historia” e forman parte dunha titulación con gran demanda laboral. Por iso, a pesar da profunda crise económica que se está a vivir, o seu futuro non é tan negro. Aínda que non poden quedarse durmidos no camiño. “O éxito profesional dependen cada vez máis da preocupación pola formación continua, que esixirá un esforzo permanente. Tendes que aproveitar que formades parte da historia dunha institución adolescente pero que xa está no grupo de cabeza das universidades españolas, cun Campus do Mar que nos leva á Primeira División, ocupando o decimoquinto posto entre 75 universidades, á beira daquelas con maior historia e tamaño”, subliñou, José Manuel García Vázquez, vicerreitor de Economía e Planificación.

Cun aprendizaxe “que comeza hoxe a base de portazos”, os graduados e graduadas teñen que afrontar a realidade laboral dende un punto de vista de evolución permanente, con cambios continuos en todos os aspectos dende a lexislación ata a forma de pago, porque as técnicas de xestión “non son un tema morto”. Poñendo como exemplo a referentes galegos, como Bluesense ou ao actual conselleiro de Economía, Javier Guerra, e a súa marca El Niño, que facturan máis de 50 millóns de euros ao ano, o padriño de promoción quixo facer fincapé na importancia de buscar nichos e ofrecer ás empresas o que ninguén lles ofertou, así como na importancia de gañar experiencia e traballar nunha materia pendente para moitos, os idiomas.

“As empresas buscan diñeiro ata debaixo das pedras, xa non saben que facer, pero non van conseguir nada empregando vellas receitas. Vos sodes parte da solución. Non creo que esta sexa a xeración perdida: a xente sae hoxe da universidade máis preparada que hai 20 ou 40 anos e é unha pena perder toda esta experiencia e enerxía nas colas do paro”, salientou Rafael Pérez, presidente de Selmark e padriño de promoción. O seu tamén pode ser un bo exemplo: comezou a traballar na empresa familiar ao día seguinte de graduarse, metido con calzador, polo que “aos catro meses estaba maleta en man vendendo suxeitadores”. Despois de pasar por varios departamentos e dun arduo traballo conseguiu levar unha marca familiar a 20 países.

A importancia da calidade

Eles son 119 mozos e mozas que afrontan esta nova etapa “con incerteza, paro e precariedade”, por iso lle pediron aos seus padriños, madriñas e profesores que manteñan nas vindeiras xeracións “esa ensinanza de calidade” na que lles inculcaron “non deixar de aprender nunca mantendo un ambiente distendido e tratándonos practicamente como aos seus fillos cun corazón tan grande como o número de folios dos seus apuntamentos”, chancearon. Como mostra da súa orixinalidade, un fin de festa cun Gaudeamos Igitur tan da terra como o comezo do acto: a ritmo de gaita, pandeiretas e frautas.