DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo plan foi presentado polo decano de CCSS e da Comunicación, Xulio Pardellas

O grao en Dirección e Xestión Pública ampliará as saídas laborais do alumnado

Será unha das tres titulacións completamente adaptadas ao EEES

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 13/07/2009

O vindeiro curso o campus de Pontevedra contará con tres titulacións completas adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior e catro novos mestrados. Unha “ousadía” que, segundo sinalou o vicerreitor, Jesús Hernández, “o sitúa á cabeza da converxencia con Europa”. Así o indicou na presentación do Grao en Dirección e Xestión Pública, que recibiu a aprobación da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (Aneca) e presentou o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xulio Pardellas.
A implantación dos catro cursos desta titulación no curso 2009/2010, é “un desafío importante” no que, segundo Pardellas, “se realizou un esforzo moi positivo para darlle unha orientación multivariante”. Ata o de agora a preparación de oposicións era a única saída para os diplomados en Xestión e Administración Pública, sen embargo co novo grao, ademais de poder acceder a prazas do grupo A como graduados “poderán crearse os seus propios nichos de mercado en fundacións, oenegués, asesorías e outras empresas relacionadas coa administración”, apuntou. De feito, un dos itinerarios, o de Dirección de proxectos, preparará os alumnos para crear as súas propias empresas nun campo “máis diferenciado e extenso”.

Interese polo novo grao

Acompañando a Pardellas, o vicedecano da titulación, Celso Cancela, e o profesor Enrique Varela, que coordina a creación dun máster propio para estes estudos, apoiaron o novo rumbo da titulación. Cancela confesou que a preparación da adaptación ao EEES “foi un desafío para o centro e o profesorado” ao tempo que comentou que o grao “xa está tendo unha resposta positiva” xa que moitos alumnos egresados, que dispoñen da diplomatura, están realizando consultas sobre o plan. Ademais da nova orientación, a novidade máis destacada do grao é a elaboración e redacción dun traballo fin de carreira no último curso que deberá ser defendido diante dun tribunal.
Con este novo paso, a “única titulación de España de estudos para facer técnicos directivos públicos faise maior de idade”, sinalou Enrique Varela. Nesa liña, a última Xunta de Facultade acordou traballar na elaboración do Máster Interuniversitario e Internacional en Consultoría Pública e do Terceiro Sector para dar resposta a un dos principios básicos do EEES, a continuidade da formación, sen marchar da facultade. O proxecto sobre o que xa se traballa “mellorará a calidade da oferta do centro”, tal e como apuntou Varela, e farase en colaboración “coas mellores e máis grandes consultorías do sector en Galicia e mantendo o contacto con outras universidades, fundamentalmente do Norte de Portugal”.

Graos completos e novos mestrados

Belas Artes, Fisioterapia e Dirección e Xestión Pública serán os tres graos que en setembro contarán con todos os seus cursos adaptados ao EEES. No caso de Belas Artes, o cuarto curso sumarase aos tres primeiros que comezaron a súa andaina no curso 2008/2009. Da totalidade das titulacións do campus, serán dúas as que todavía teñan que esperar para implantar os novos plans. Será o caso da Enxeñaría Técnica Forestal, da que veñen de facerse públicas as competencias profesionais, e Enfermaría, que deberá corrixir as deficiencias indicadas pola Aneca e “volver intentalo”, segundo indicou o vicerreitor. Neste sentido, Hernández comentou que esta titulación, “da Diputación e adscrita á Universidade para que os diplomados poidan exercer unha profesión colexiada, terá que poñerse a pilas” ao mesmo tempo que indicou que o centro contará co apoio da Universidade “para traballar conxuntamente” e conseguir a certificación.
Para completar a formación do alumnado, o campus pontevedrés tamén ofrecerá a posibilidade de cursar algún dos catro novos mestrados que se porán en marcha. Dous deles estarán vinculados á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte: o Mestrado para o profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas, o de Investigación en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. O cadro complétase co Máster de Investigación en Comunicación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e co Máster de Libro ilustrado e animación audiovisual de Belas Artes.