DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu coordinador tivo unha xuntanza coa alcaldesa, María Ramallo

O Grao en Dirección e Xestión Pública promociónase en Marín

Iniciáronse as conversas para ampliar o convenio marco que a Universidade ten asinado co concello

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 01/10/2012

O Grao en Dirección e Xestión Pública busca afianzarse na súa contorna. O seu coordinador, o profesor Celso Cancela, reuniuse este luns coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, co obxectivo de dar a coñecer a titulación no concello e a súa idoneidade para os postos da administración. “Esta xuntanza forma parte do labor de promoción dos estudos, de dalos a coñecer entre as entidades locais, dada a súa recente implantación”, explicou Celso Cancela que acudiu acompañado de varios representantes da Asociación do Grao en Dirección e Xestión Pública, fundada no pasado curso por alumnado da titulación.

Nesta xuntanza iniciáronse as conversas para ampliar as colaboracións recollidas no convenio marco que a Universidade de Vigo ten asinado co concello marinense, “co obxectivo de incluír prácticas para o noso alumnado e de organizar xuntos actividades puntuais que poidan ser de proveito para as dúas partes”, puntualizou Cancela. Para o coordinador do grao, un dos temas prioritarios é a inclusión do perfil da titulación nas convocatorias públicas “pois nas administracións segue habendo unha predisposición por carreiras clásicas á hora de facer concursos de postos de traballo”, subliñou o coordinador que asume que hai un importante reto de promoción da titulación ao que facer fronte “pois aínda somos practicamente descoñecidos entre as administracións".

Colaboración cos concellos da contorna

Este encontro coa alcaldesa de Marín dá continuidade ás accións divulgativas que o profesorado e o alumnado do grao emprenderon dende a súa implantación. “Non é a primeira xuntanza que realizamos destas características, xa mantivemos outras cos concellos de Pontevedra ou Cambados, co ánimo de transmitirlles de que somos unha opción formativa para os estudantes do seu concello e tamén para os seus propios empregados da administración, unha opción de mellora profesional”, indicou o coordinador. De feito, para este curso matriculáronse nesta titulación traballadores de concellos locais, da propia Universidade “e ata do Ministerio”, exemplificou.

Por outra banda, o profesor Cancela considera fundamental que a Universidade se achegue e se faga presente nos concellos da contorna “e máis Marín, que é estratéxico para o campus de Pontevedra ao contar cunha masa crítica de máis de 20.000 habitantes”. Así mesmo, dada a natureza formativa do grao, debe ter como interlocutor de seu as administracións locais “pois temos unha dimensión práctica que queremos que se aplique na realidade con cursos de formación, informes ou estudos que poidan demandar”, sinalou.

O papel do alumnado

Na xuntanza coa alcaldesa María Ramallo, o coordinador do grao estivo acompañado por dous alumnos membros da Asociación do Grao en Dirección e Xestión Pública, Gregorio Andión e Alberto Martínez, responsables dos primeiros contactos co concello marinense. “O papel da asociación foi fundamental nesta colaboración”, afirmou Cancela que fixo alusión ao dinamismo mostrado polo alumnado de último curso nos labores de promoción dos estudos. “A asociación está a mostrar un gran compromiso co grao e a pesar da súa recente formación, as súas accións xa están dando os seus froitos como neste caso”, concluíu o coordinador.