DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O plan de estudos da nova titulación vén de recibir o visto bo da ANECA

O grao en Enxeñaría Agraria formará profesionais con capacitación nos sectores alimentario e ambiental

Comezará a impartirse na Facultade de Ciencias no curso 2010-11 cunha oferta de 30 prazas

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 29/06/2010

Formar profesionais con amplos coñecementos científicos e tecnolóxicos que estean capacitados para o desenvolvemento de actividades no sector agrario e alimentario. Este é o principal obxectivo do grao en Enxeñaría Agraria, a nova titulación que se vai impartir na Facultade de Ciencias a partires do vindeiro curso académico 2010-2011 cunha oferta inicial de 30 prazas. O plan de estudos deste novo grao vén de recibir o visto bo da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA). Os estudantes que decidan orientar a súa formación cara este sector adquirirán uns coñecementos cos que poderán proxectar, executar e dirixir instalacións e explotacións comprendidas nas ramas agrícolas e da industria de transformación de produtos.

O decano da Facultade de Ciencias, Pedro Araújo, explica que a posta en marcha desta nova titulación “é unha confirmación da formación que estamos a impartir no centro” e cita tamén os graos en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (que rematou agora o seu primeiro ano) e o de Ciencias Ambientais (que se comezará a impartir tamén no vindeiro curso cunha oferta de 40 prazas) para subliñar a orientación académica e profesional acadada pola facultade. Segundo as súas palabras, “asentámonos nun sector que engloba os campos agrario, alimentario e medio ambiental e todos eles posúen un gran interese económico no interior de Galicia. Con esta aposta formativa o noso centro consolídase nunha liña homoxénea e acorde coa contorna socioeconómica que nos rodea”, declara.

Persoas interesadas no mundo agrario e o medio natural

O grao en Enxeñaría Agraria terá unha duración mínima de 4 anos e está especialmente indicado para todos aqueles estudantes que posúan inquietude e curiosidade sobre o mundo da ciencia e a tecnoloxía en todos os seus ámbitos, en especial no relacionado co mundo agrario e o medio natural. Coñecementos básicos sobre física, química, matemáticas e bioloxía e habilidades sociais para o traballo en equipo son outras características que se estiman recomendables nos alumnos e alumnas que decidan matricularse nestes estudos.

Pedro Araújo explica que estamos ante unha carreira “moi aplicada” cuxo obxecto de estudo “é o campo e a súa explotación dende un punto de vista sostible”. Por iso e para completar a formación do alumnado neste eido o grao inclúe prácticas externas en industrias e organismos públicos nas que os estudantes poderán realizar ata 6 créditos, de carácter optativo, que lles permitirán non só actualizar os coñecementos adquiridos na aula senón tamén facilitar a súa posterior incorporación ao mercado laboral. Para iso a Facultade de Ciencias dispón xa de 97 convenios firmados con distintas empresas e institucións.
Con todo e para poder obter o título de grao o estudante deberá realizar un traballo fin de grao que consta de 12 créditos ECTS e no que deberá desenvolver os coñecementos adquiridos na titulación.

Un único grao cunha dobre especialización

Outra das novidades que presenta o grao en Enxeñaría Agraria é a posibilidade que lle ofrece ao alumnado de escoller entre dúas especialidades a través das materias optativas da titulación: industrias agrarias e alimentarias e horticultura e xardinería. Pedro Araújo explica que este dobre abano conéctase cos outros dous graos que se imparten no centro, co de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos no primeiro dos casos e co de Ciencias Ambientais no segundo. Segundo as súas palabras, “con estas tres titulacións e coas relacións que se establecen entre elas conseguimos formar un campo agroalimentario e ambiental que conforma a orientación que queremos darlle a esta facultade”, declara.

A tecnoloxía e o procesado de produtos agroalimentarios, a tecnoloxía e a xestión ambiental, a xestión de empresas e a comercialización de produtos agrarios e agroalimentarios, a xardinería, o desenvolvemento rural e a protección e conservación do medio natural son algunhas das saídas profesionais polas que poderán optar os alumnos e alumnas que aposten por este novo grao na súa etapa formativa.