DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro decano facultade Manuel Fernández Areal acompañou aos 87 novos graduados

O grao en Publicidade e Relacións Públicas presenta a súa promoción ‘máis guerrilleira’

Os profesores María Isabel Míguez e Xosé Baamonde, padriños académicos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 28/06/2013

“Nunca nesta facultade houbo unha promoción tan guerrilleira coma esta, algo do que podemos estar ben orgullosos”, comentaba emocionado o representante do alumnado do grao en Publicidade e Relacións Públicas, Rubén Pazos. Ao berro do hashtag creado para esta ocasión #salsaboloñesa para todos, Pazos lembráballes aos seus 87 compañeiros e compañeiras que eles son a primeira promoción de grao que sae da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación logo de implantarse o Plan Boloña.

Ao longo do seu discurso, o alumno tamén tivo tempo para lembrar o primeiro día de clase “no que todos chegabamos emocionados, cos ollos ben abertos, moi puntuais e cun quilo de folios para coller apuntamentos”. As referencias aos seus padriños, os profesores, Isabel Míguez e Xosé Baamonde, e ao resto do cadro docente do centro foi unha constante nun discurso cargado de ironía e humor. A mesmo tempo, Pazos agradeceu a presenza da vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, e do decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, neste día tan sinalado.

Un convidado de excepción

O primeiro decano deste centro Manuel Fernández Areal foi un convidado de excepción no acto de graduación destes primeiros titulados de grao. A presenza de Areal neste día tan sinalado para estes 87 mozos e mozas resulta un feito moi simbólico xa que el tamén estivo presente no momento no que a Universidade de Vigo presentaba en sociedade aos seus primeiros licenciados e licenciadas en Publicidade e Relacións Públicas tal e como salientou o actual decano Juan Manuel Corbacho. Tomando como súas unhas palabras do ex decano, Corbacho asegurou que esta é a promoción “máis polivalente que saíu deste centro converténdoos na xeración mellor formada dos últimos tempos”. A maiores, o decano indicou aos xa graduados e graduadas a importancia de seguiren formándose neste campo ao tempo que aumentan o seus coñecementos doutros idiomas.

Pola súa banda, a vicerreitora do campus de Pontevedra Antonia Blanco lembroulles aos alumnos e alumnas que cada un deles forman xa parte da historia deste campus. A maiores, a vicerreitora referiuse á necesidade de fomentar o seu espírito emprendedor en tempo difíciles acudindo se fose necesario ás ferramentas das que dispón a Universidade de Vigo para dárenlle forma aos seus proxectos.