DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa súa entrada na directiva da Asociación Universitaria Española de Trabajo Social

O Grao de Traballo Social reforza o seu papel no ámbito estatal

A titulación é a única de carácter totalmente público que se imparte no SUG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 18/07/2023

No marco do seu compromiso coa contorna, o Grao de Traballo Social, que se imparte na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, está a reforzar o seu papel no ámbito estatal. Faino coa súa entrada na xunta directiva da Asociación Universitaria Española de Trabajo Social (AUETS), organismo que ostenta a representación institucional desta área de coñecemento en España.

A entidade celebrou recentemente en Valencia a elección da súa nova xunta directiva, encabezada pola presidenta Aurora del Castillo, decana da Universidad Complutense de Madrid, e formada, entre outros, polo vicedecano de Traballo Social do campus de Ourense, Francisco Javier Aguiar. A candidatura foi elixida por unanimidade dos 40 representantes de facultades e departamentos responsables da formación en Traballo Social de todo o estado que están en AUETS, asociación cuxa misión é avanzar na reivindicación e defensa de espazos para o traballo social, fomentando a coordinación e o intercambio académico e científico na súa área.

A importancia dos estudos de Traballo Social

Amosando a súa satisfacción por entrar a formar parte da directiva desta asociación, Francisco Javier Aguiar explica que nun momento de grande envellecemento e caída poboacional e de incremento da vulnerabilidade social, “é máis importante que nunca reforzar as políticas sociais e os estudos de Traballo Social”, implicándose neste caso na rede estatal que representa as titulacións desta área. En Ourense, lembra, impártese un Grao en Traballo Social, único totalmente público no Sistema Universitario de Galicia, que capacita ao alumnado e aos futuros profesionais para intervir e dar atención directa a persoas, familias e grupos que se atopan en situación de vulnerabilidade social pero tamén para detectar necesidades na poboación, para orientar as políticas sociais e para facer dinamización comunitaria e recuperación de tecido social.

“Os traballadores e traballadoras sociais intervimos en todo tipo de proxectos e plans de carácter social para axudar a garantir a calidade de vida e benestar da poboación”, sinala o vicedecano. Así, recalca que o traballo social non só está presente nos servizos sociais, tanto comunitarios como especializados, senón tamén no sistema de saúde, na xustiza e na atención á diversidade, ás persoas maiores e á muller, entre outros. Por este motivo hai, sinala, “unha gran demanda de profesionais relacionados con isto, non só no sector público senón tamén no privado, no terceiro sector”. Centrándose no caso de Galicia, Francisco Javier Aguiar apunta que “precisamente hai unha necesidade moi importante de apostar polo traballo social polo aumento da vulnerabilidade social e a deriva poboacional”, que, dixo “requiren de políticas sociais, de conciliación, de igualdade, de benestar, etc”.

O traballo social, indica Francisco Javier Aguiar, loita por unha “sociedade libre, igual, diversa, de respecto e fóra de inxustizas” e “necesitamos mocidade galega que se implique” neste reto a través da súa formación como traballadoras e traballadores sociais. Neste senso, lembra que o Grao de Traballo Social que se imparte no campus de Ourense caracterízase por apostar por unha “formación crítica” na que se busca afondar nas causas estruturais dos problemas e na que se adopta un enfoque de loita polos dereitos das persoas. Para a Facultade de Educación e Traballo Social, engade por último o vicedecano, é importante participar a nivel estatal na asociación que representa os estudos de Traballo Social e poder así ser partícipes do presente e futuro desta titulación e desta profesión. “Estamos en sociedades convulsas, nas que en moitas ocasións se poñen en risco dereitos sociais e máis que nunca necesitamos formar a persoas que se queiran comprometer cos cambios sociais, con sociedades máis xusta de benestar”, afirma o responsable académico.