DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor saínte insistiu no modelo e excelencia e esixencia acadado pola Universidade

Gratitude e eloxios para o seu sucesor no cargo centraron o discurso de Alberto Gago

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/06/2010

Os agredecementos e a definición dun modelo de universidade baseado na excelencia e na esixencia, centraron o discurso de Alberto Gago, no seu derradeiro acto como reitor da Universidade de Vigo.
As persoas, empresas e institucións que durante o seu mandato colaboraron coas iniciativas da Universidade de Vigo foron ás primeiras ás que Alberto Gago amosou o seu agradecemento público. Entidades e persoas das que o reitor saínte afirmou “que non recibín máis que apoios e impulsos cooperativos durante estes últimos catro anos, ademais da traca final do proxecto do Campus do mar, onde nos brindaron un apoio tan incondicional, tan forte, tan emocionante, que será difícil de esquecer”. Especial mención realizou Gago ás universidades galegas e do norte de Portugal, lembrando no caso de Santiago de Compostela e A Coruña que por primeira vez en vinte anos se acadaron acordos de cooperación en temas de docencia, titulacións e investigación. “Coas universidades portuguesas” afirmou o reitor saínte, “compartimos case todo, empezando pola crenza no feito transfronteirizo como factor crucial de progreso para os nosos territorios”.
Gago tamén fixo público o seu agradecemento a súa familia, equipo e equipo de goberno aos que cualificou como “minas das que saquei os nutrientes, as forzas e os apoios necesarios para manter firme o temón, definir as estratexias e bulir na súa execución”. Xa por último, o reitor saínte amosou a súa gratitude a toda a comunidade universitaria e ao Consello Social. No caso da primeira Gago afirmou sentirse “apreciado e respectado, incluso cando as iniciativas que promovíamos non era totalmente compartidas”. No que respecta ao Consello Social, Gago destacou o seu labor de promotor ,estimulador e de ponte social “tan importante para calquera universidade”, personalizando o seu agradecemento no seu presidente, Emilio Atrio.

Un modelo de Universidade compartido

Na segunda parte da súa alocución no acto de toma de posesión de Salustiano Mato, Gago, afondou no modelo de universidade acadado pola institución viguesa, baseado, segundo o reitor saínte, “na calidade, na competencia e na excelencia. Un modelo esixente que demanda resultados e cunha aposta clara pola transferencia como fórmula para demostrar a nosa utilidade social”. Un modelo que Gago lembrou “foi a mensaxe máis rotunda do novo reitor durante a súa campaña, polo que nos sentimos felices e reconfortados pola súa elección; por iso e pola súa enorme capacidade para ilusionar e darlle novos bríos a este proxecto colectivo co que estamos tan comprometidos”. O reitor saínte tamén asegurou que nun momento complicado como o actual son fundamentais a capacidade de decisión, así como pensar en grande e mirar o máis lonxe posible, “ e de todo isto sóbralle a Salustiano Mato”, afirmou Gago. “Pecho a porta deste estraño oficio de reitor e abro a da miña cátedra” dixo o reitor saínte para finalizar a súa intervención en relación coa nova etapa que comeza dixo “coa satisfacción de saber que a Universidade de Vigo queda nas mellores mans”.


Discurso de Alberto Gago (50.37 Kb)