DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta de Facultade da FFT celebrou unha sesión extraordinaria en lembranza do docente

Grazas, Rifón!

Compañeiras e compañeiros rememoraron a súa traxectoria profesional e vital 

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 10/11/2022

“Xeneroso”. “Eficaz”. “Humilde”. “Pragmático”. “Forte”. “Comprometido”. “Paciente”. “Retranqueiro”. “Conversador”. O salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución encheuse este mediodía cunha morea de adxectivos cos que as e os compañeiros de Antonio Rifón Sánchez lembraron o docente e investigador recentemente falecido. Por vez primeira na súa historia, o centro celebrou este xoves unha sesión extraordinaria da Xunta de Facultade en lembranza dun docente finado, que recibiu a cálida e sentida homenaxe de quen foron os seus e as súas compañeiras en labores docentes, investigadoras e administrativas, desde a súa chegada á Facultade en 1995. Na sesión, que contou coa presenza no salón de actos de familiares de Rifón, así como do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, o decano da FFT, José Montero Reguera, lembrou “ao meu amigo, que para min segue vivo”, agradecéndolle terlle aprendido a falar galego e, especialmente, a palabra “conversa, con todos os matices que para el tiña, de falar pausadamente, no que un tema levaba a outro… Rimos e sufrimos coa vida académica e pasámolo moi ben”, lembrou Montero, que cualificou a Rifón de “irmán”. Precisamente, o decano da FFT aproveitou a ocasión para anunciar a celebración, a partir da semana que vén, dun ciclo de relatorios co título Conversas, no que a través de charlas entre egresados e egresadas e integrantes do centro, homenaxearase a Rifón, ao tempo que se pretende captar alumnado. “A Facultade é un pouco máis pequena, pero a vida segue. Así que, sigamos!”, rematou Montero.

As palabras do decano do centro pecharon un acto no que se sucederon as intervencións de compañeiras e compañeiros de Rifón ao longo dos 27 anos que impartiu docencia e investigou na FFT. Inmaculada Báez, directora do Departamento de Lingua Española, foi a primeira en tomar a palabra para lembrar ao seu compañeiro do despacho de enfronte, do que dixo, que botarán en falta a frase lapidaria coa que pechaba “as discusións acaloradas do departamento: ‘Isto é unha cuestión baladí’, así como a súa “retranca coruñesa”. Pola súa banda, José María García-Miguel, coordinador do Grupo de Investigación Gramática, Discurso e Sociedade (Grades), rememorou o seu primeiro encontro con Rifón cando ambos preparaban na USC as súas teses de doutoramento, así como a “súa implicación total” nos grupos que antecederon a Grades. “A súa gran paixón foi sempre a morfoloxía. Imaxínoo alá, nese paraíso de ficción onde van parar algúns lingüistas, non todos, pasando felizmente as tardes conversando con Jesús Pena sobre morfoloxía derivativa e de mil cousas máis. Discorrendo eternamente”, dixo García-Miguel. 

Sorriso afable, presenza discreta, oportuna retranca

Maruxa Cabeza, coordinadora do Programa de Doutoramento en Estudos Lingüísticos, rememorou o labor de Rifón neste ámbito, amosando “eficacia, pragmatismo e xenerosidade”, así como a paciencia e humor que o caracterizaban e a influencia que deixou no seu alumnado. Mentres, Inmaculada Anaya, coordinadora do Máster en Lingua e Comunicación nos Negocios, referiuse aos 27 de anos compartidos e, ao longo dos que forxou amizade con Rifón. “Deixounos pero quédanos o seu sorriso afable, presenza discreta, forza e coraxe para loitar contra a adversidade, oportuna retranca e a súa paixón pola súa familia”, dixo Anaya, que asegurou lembralo “co sorriso nobre e tranquilo. Foi un privilexio compartir contigo. Grazas Rifón!”, rematou Anaya a súa intervención.

Wish You Were Here

Alexandre Rodríguez Guerra docente do Departamento de Filoloxía Galega e Latina gabou a dedicación de Antonio Rifón na comisión de reforma do grao, onde amosou “constancia, rigor e compromiso”. Paciencia e educación exquisita, foron outros trazos do carácter de Rifón que Rodríguez Guerra destacou dun compañeiro “retranqueiro e animoso”. Pola súa banda, a directora da revista Hesperia. Anuario de Filoloxía Hispánica, Susana Rodríguez Barcia, rememorou as súas facetas como alumna, compañeira docente e investigadora e amiga de Rifón, ao que definiu como “eterno conselleiro”, e ao que despediu recitando unhas estrofas dunha das súas cancións preferidas, Wish You Were Here de Pink Floyd: “Como desexaría que estiveses aquí. Somos só dúas almas perdidas. Nadando nunha peixeira. Ano tras ano. Correndo sobre o mesmo vello chan. Que atopamos? Os mesmos vellos medos. Desexaría que estiveses aquí”.