DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Bambú ofreceu na Miteu hora e media de sa entretemento e boa diversión

O espectáculo continúa este xoves 22 co grupo salvadoreño "La Cocina Teatro"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 21/04/2010

O grupo teatral hondureño Bambú subiu este mércores ao escenario do Teatro Vidal Bolaño na segunda xornada da Miteu en Vigo. Fíxoo coa obra Historias y más historias de Edgar Valeriano, un dos actores de teatro máis recoñecidos deste país, e Leonardo Montes de Oca, nun espectáculo de narración oral escénica, baseado nunha recompilación de diferentes autores e historias de Latinoamérica. Con Mariano Rodríguez e Edgar Valeriano como principais artistas a peza achegou á comunidade universitaria ao pobo hondureño con temáticas tan universais como o amor ou a miseria. En total foron preto dunha hora e media de sa entretemento e boa diversión.
Dun xeito moi musical, ao longo das diferentes pezas que compoñen o espectáculo –contos hondureños e tamén da literatura universal- rememórase como hai homes que toman as historias e dan as súas vidas para ir de pobo en pobo contando tristezas e repartindo alegrías. Eses que vemos pasar sen saber quen son, ou os vemos vir e énchennos de satisfacción ao saber que coa súa chegada,chegan historias doutros pobos.Tamén sabemos que cando se marchen nos levarán coas súas historias. Ás veces quixésemos que nunca deixasen de relatar historias, que son as nosas historias. Vémolos nas prazas, nos campos de cultivo baixo a sombra dunha árbore, ás veces nos teatros, nos comedores, no camiño real, nas cantinas, ou no atrio dunha igrexa. Aí pódense escoitar as risas, mirar os rostros calados e atentos de nenos e nenas, mozos, adultos e anciáns. Eses seres máxicos que nos enchen de imaxinación e nos provocan soños, non son outros que os contacontos.

El secreto más terrible e o rapto de nenos nas ditaduras

Este xoves continuará o espectáculo da man de La Cocina Teatro, un grupo do Salvador que representará a obra El secreto más terrible, un monólogo escrito polo actor e dramaturgo salvadoreño René Lovo a partires dun texto arxentino de Eduardo Pavlovsky titulado Potestad un monólogo que ten como propósito contribuír a restaurar o sentido da memoria e a verdade histórica no Salvador.
El secreto más terrible conta como dous individuos chegaron un día á súa casa e raptaron á súa única filla. Pouco a pouco, sen embargo, o espectador poderá descubrir que non todo é o que parece e que a verdade agocha máis sorpresas que as que se anunciaban ao comezo da función. A través dun simple monólogo abordarse un feito político, social e humano nun país que viviu o problema da persecución e a desaparición de persoas por razóns políticas.