DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas á sinatura dun convenio coa Facultade de Ciencias Empresariais e do Turismo

O Grupo Cuevas achega ao campus os libros de contabilidade de principios de século

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 26/10/2010

“Unha xoia ben conservada”. Con estas palabras define Patricio Sánchez, vicedecano de Ciencias Empresariais e Turismo, a colección de libros de contabilidade cedida polo Grupo Cuevas á facultade. A decana Elisa Alén e Artur Yuste, director xeral da empresa, acompañados por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, foron os encargados de presentar ao público esta mostra que a partir de hoxe se pode visitar na entrada da Aula Magna do edificio.

Segundo apunta Sánchez, a importancia deste convenio de colaboración reside na antigüidade dos cadernos cedidos, posto que “falamos de libros de contabilidade de principios de século que recollen os termos contables dunha das empresas máis importantes da provincia”. Isto vai permitir facer unha análise do xeito de levar as contas nunha época na que non existían un regulamento no sentido escrito, ademais de “axudar a facer unha reconstrución da historia económica do propio grupo e, por extensión, da economía ourensá”, explica o docente.

Aínda que o convenio se firmou por tres anos, a idea é darlle continuidade a esta colaboración, que foi unha iniciativa persoal do recentemente falecido Manuel Rodríguez de la Fuente, xerente do grupo e vicepresidente do Consello Social da Universidade de Vigo.

O Grupo Cuevas

Marcas tan coñecidas como Marrón Glacé ou Supermercados Aquí cobíxanse baixo o paraugas do Grupo Cuevas, unha das empresas ourensás máis lonxevas, pois foi fundanda no ano 1867. “Trátase dunha empresa 100% galega que conserva a súa sede orixinal, o que nos fai sentirnos aínda máis orgullosos deste convenio”, segundo palabras de Patricio Sánchez.

Na actualidade, tras situarse na vangarda do sector da alimentación, ten expandido a súa área de negocio ao sector do automóbil.