DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con encontros como o promovido este mércores con Analia Segal, profesora do Pratt Institute

O grupo dx5 explora como a arte ocupa o espazo público

A actividade continúa o luns co ciclo de conferencias ‘Habitar lo público’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/09/2023

Lo múltiple que ocupa el espacio é o nome dunha liña de investigación coa que o grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes, busca afondar en como, “desde os principios máis básicos da arte gráfica”, baseados no seu carácter de serie e a súa multiplicidade, as creacións artísticas poden “colonizar o territorio, o espazo privado, pero tamén o público”, como salienta a súa coordinadora, Ana Soler. Financiado pola Xunta de Galicia, ao abeiro das axudas a grupos de referencia competitiva, este proxecto completarase o vindeiro ano, para o que o grupo dx5 traballa tanto na organización dun congreso e dunha exposición, como dunha serie de intervencións no espazo público de Pontevedra. Nesa combinación da reflexión teórica e a produción artística que define o proxecto insírense tamén os encontros e conferencias que nestes días promoven con diferentes artistas internacionais.

Ese é o caso de Analia Segal, profesora da Escola de Arte do Pratt Institute de Brooklyn, Nova York, que este mércores protagonizou un coloquio na Casa das Campás, dirixido a afondar nas liñas de traballo e intereses que definen a súa traxectoria artística. Ao longo desta, Segal expuxo en espazos como o Ps1 MOMA de Nova York e acadou bolsas de institucións como a Guggenheim Foundation ou a Pollock-Krasner Foundation. Natural da Arxentina e residente nos Estados Unidos desde hai máis de tres décadas, Segal atópase actualmente desenvolvendo un proxecto na Universidad Politécnica de Madrid, da man da Fundación Fullbright, e centrou a súa conversa en presentar unha produción artística que ten como “fío condutor tratar de entender o proceso de habitar”, en afondar en como, en torno á idea do fogar, existen “unhas formas de conexión que non sempre son evidentes” e en como as persoas “habitan a linguaxe e xeran vínculos co espazo que lles rodea”. 

Nesta mesma liña de traballo insírese tamén o ciclo de conferencias Habitando lo público, abertas ao público, que o grupo dx5 promove o vindeiro luns 2 de outubro na Facultade de Belas Artes. Coordinado polos investigadores Antía Iglesias e Carlos Fer, este encontro reúne tres artistas e investigadores “de calado internacional”, cos que debater sobre “as nocións da arte pública múltiple, a súa evolución e implicación na comunidade e contorna urbana”, como explican desde o grupo. Concretamente, participarán neste foro a artista residente en San Francisco Paz de la Calzada, cuxo traballo artístico se centra nos murais site-specific, as instalacións e a arte pública; o artista urbano Ampparito, e a artista asentada en Xenebra e exalumna da facultade pontevedresa Sabrina Fernández Casas.