DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este venres e ata o día 26 na Casa das Campás

O grupo DX7 abre as portas dos seus proxectos de investigación a través da exposición "No proceso de habitar"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 12/06/2009

O interese pola interrelación cos habitante da cidade de Pontevedra e o seu contexto guía o percorrido por cada unha das pezas que integran a mostra No proceso de habitar: unha idea de cidade que o grupo de investigación DX7 da Facultade de Belas Artes expón desde hoxe e ata o vindeiro día 26 na Casa das Campás. Nove obras e nove formas de entender a cidade na que estes artistas desenvolven o seu labor investigador e da que non queren permanecer illados.
Abrir as portas aos proxectos que se están a realizar na facultade á cidadanía é o principal obxectivo da mostra deste grupo de investigación, que se caracteriza por levar á práctica artística os seus propósitos teóricos e incide na creación como un laboratorio sen fórmulas preestablecidas. O son, a imaxe dixital e as instalacións son as formas de representación escollidas para amosar a posición do grupo de cara á continua formación do equipo.
Boa proba disto é o espazo de consulta que propón Silvia García en Arquivo deixado a medias. Unha librería con arquivadores, libros e unha cadeira invitan aos espectadores a consultar o traballo que a propia artista realizou para a súa tese de doutoramento. Pola súa banda, Francisco Miguens comparte a súa investigación sobre a sombra na peza (re)velare, onde o propio público deixará a pegada efémera da súa proxección sobre un lenzo no que non se fixará ningunha imaxe.
O achegamento máis claro á cidade vén da man da obra de Fernando Súarez, Ana Seoane e Alberto Valverde, por un lado; e Cristian Grandín e Alberto García Ariza, polo outro. Cada un deles constrúe unha imaxe alternativa para representar a cidade e as súas conexións cos habitantes por medio de postais, proxeccións de topografía da cidade e interfaces que permiten ir descubrindo a imaxe.

O son como sistema de control social

A mostra pretende apelar tamén ao sentido do oído e para iso o colectivo escoitar.org presenta unha reflexión sobre o son como sistema de control social con aparellos como o mosquito, un mecanismo que emite sons nunha frecuencia que resulta moi molesta para os menores de vinte e cinco anos e se utiliza en Inglaterra para afastar as pandas de menores das entradas das tendas.
A mostra péchase coa tipografía creada por Marcos Dopico e Cristina Varela para unha mensaxe no tránsito entre dous edificios, o pequeno paraíso na cidade de Holga Méndez, construído con lámpadas e siluetas de latón e o xogo de Juan Carlos Meana coa identidade a través da paisaxe que se constrúe nas miradas dos paseantes.