DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É o representante español dun proxecto da UE financiado con 10 millóns de euros

O grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos participa dende Vigo no deseño da escola europea do futuro

Este tipo de proxectos definen a vangarda tecnolóxica en diferentes ámbitos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 06/04/2010
Definir cales van ser as tecnoloxías que se van a utilizar nas escolas do futuro e darlle soporte tecnolóxico é o obxectivo dun proxecto de investigación ao que a Unión Europea dedicará nos vindeiros catro anos case 10 millóns de euros. Para conseguilo reuniu aos máis relevantes grupos de investigación europeos en aprendizaxe electrónico, un total de 26 agrupacións entre as que só se atopa un equipo español, o grupo da ETSE de Telecomunicación Enxeñaría de Sistemas Telemáticos, liderado polo profesor Luis Anido, director tamén da Área de Innovación Educativa da Universidade de Vigo.
O proxecto é un Integrated Project do VII Programa Marco de Investigación, un tipo de programas altamente competitivos –a taxa de aprobación de solicitudes non chega ao 2,3%- e está liderado pola European School Net, unha asociación belga que engloba a todos os ministerios de educación europeos. Baixo o nome iTEC, innovative Technologies for the Engaging Classroom, botará a andar no mes de setembro deste mesmo ano e finalizará a finais de agosto 2014.

Vigo lidera un dos once grupos de traballo

Estruturado en once paquetes de traballo, a Universidade de Vigo lidera un destes apartados para o que contará cun orzamento superior ao medio millón de euros. O seu cometido será dar soporte a todo o relacionado coas tecnoloxías da web semántica, unha serie de tecnoloxías que permiten que os propios ordenadores conectados a través de internet fagan razoamentos e obteñan deducións, dándolle así ás propias máquinas un grado de intelixencia maior.
De xeito simplificado, Anido explica como esta tecnoloxía é a que permite aos ordenadores entenderse entre eles e facer deducións, “digamos que está pensado máis para as máquinas que para as persoas”, ao tempo que explica que os fundamentos destas tecnoloxías de webs semánticas non son novos, senón que veñen do campo da intelixencia artificial, unha ciencia que iniciou a súa andaina xa nos anos 50 e 60 e que agora ten un pulo importante debido á súa aplicación no eido da web.
O obxectivo fundamental do proxecto é traballar con tecnoloxías que están na fronteira do coñecemento, algo totalmente innovador a día de hoxe, e ver como esas tecnoloxías poden ser aplicadas na escola do futuro. “Neste caso particular o que se fai é aplicar as técnicas de web semántica ao ámbito da educación para proporcionarlle a intelixencia precisa a esa escola do futuro”, subliñou Anido.

De mesas táctiles a plataformas educativas virtuais

Entre outras tecnoloxías que se están a discutir hai cousas tan concretas como poden ser os googles waves, a nova tendencia de Google para que as persoas interactúen en liña, ou temas relacionados cos taboleiros e mesas táctiles nas escolas.
As posibilidades son infinitas, tal como explica Anido, que subliña que se poden lograr cousas como que experiencias educativas xenéricas poidan chegar a unha escola e un entorno particular e materializarse de xeito automático. Trátase de que sexa a propia plataforma educativa a que lles diga aos docentes cales son os expertos máis relevantes nese eido, localice os recursos educativos máis apropiados... “Ti como docente só lle tes que dicir á ferramenta o tema sobre o que queres traballar e, simplemente, cunha descrición dese tipo o sistema localiza os recursos máis axeitados a nivel global que poden dar soporte a esas experiencias educativas e, ademais, faino introducindo restricións coma o idioma no que deben estar eses recursos, o nivel de dificultade, etc....”, explicou o coordinador en Vigo do proxecto.

“La crème de la crème”

O proxecto está integrado por 26 socios e del non só forman parte universidades, senón tamén empresas privadas –provedores de contidos educativos-, ministerios de educación e centros tecnolóxicos.
Segundo Anido, desde o punto de vista científico os grupos universitarios que están son os máis relevantes a día de hoxe, o que sería “la crème de la crème”. “É o tipo de proxecto ao que calquera grupo, sobre todo no ámbito tecnolóxico, pode aspirar a participar”, indicou o enxeñeiro vigués, quen tamén considerou que “afortunadamente temos a oportunidade de estar vinculados a nivel internacional cos outros grupos punteiros que hai en Europa neste campo”.
“Son proxectos de referencia, é dicir, todos os investigadores que traballan en Europa vixían os seus contidos porque son os que definen a vangarda tecnolóxica en diferentes ámbitos”, engadiu Anido.

3º grupo en transferencia tecnolóxica da Universidade de Vigo

O grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos é o terceiro grupo en transferencia tecnolóxica da Universidade de Vigo, case toda relacionada coa aprendizaxe electrónica, e del forman parte arredor de vinte investigadores da ETSE de Telecomunicación.
Actualmente traballan nun proxecto europeo (ASPECT) que trata de favorecer a reutilización de contidos educativos e, a nivel autonómico, a súa bagaxe é longa, foron os autores da plataforma de teleformación para a Consellería de Educación e colaboran coa Xunta de Galicia en todo o que ten que ver co soporte TIC ás escolas infantís de Galicia, por citar algúns exemplos.