Trátase dunha publicación electrónica de carácter anual
O grupo EphysLab publica un novo número da revista 'Avances en Ciencias de la Tierra'
Recolle artigos feitos por alumnado universitario e do IES As Lagoas baixo a súa titorización
Un novo número, o trece, da revista electrónica anual Avances en Ciencias de la Tierra (ACT) xa está dispoñible en Internet para as persoas interesadas. O volume, editado por EphysLab, Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo), recolle traballos desenvolvidos por alumnado universitario de grao e mestrado e do IES As Lagoas titorizados por membros deste grupo de investigación do campus de Ourense.
Avances en Ciencias de la Tierra está editada en colaboración coa Asociación Ambiental Esclima e preséntase como unha revista científica centrada nos distintos ámbitos de coñecemento relacionados coas ciencias da terra. A diferencia doutras publicacións deste eido, ACT ten, segundo explican desde a súa organización, unha dobre vertente: científica e docente. Deste xeito, pretende ser primeiro un banco de probas onde alumnado de grao e mestrado aprende técnicas de publicación científica e, segundo, unha publicación científica ao uso, onde o rigor nos contidos alcance os mesmos niveis que na maioría das revistas científicas tradicionais. Os editores en xefe deste número son os investigadores de EphysLab Diego Fernández e Rubén Varela.
No volume lanzado agora e correspondente ao ano 2023 tamén se inclúen traballos realizados por alumnado de Bacharelato do IES As Lagoas (Ourense) que participa no programa STEMbach levado a cabo neste instituto, centrado principalmente en bioconstrución e no que colabora o grupo EphysLab. “Experiencias previas xa nos amosaron a capacidade destes alumnos e alumnas para realizar todo o proceso que involucra a investigación científica, incluíndo as ideas iniciais, realización de deseños, execución do plan de traballo e, finalmente, a plasmación de forma escrita nun artigo científico”, recolle o volume. Precisamente o anterior número de Avances en Ciencias de la Tierra foi un monográfico sobre este STEMbach.
Seis artigos
Son seis os traballos incluídos neste número da revista. Por unha banda, inclúense tres artigos científicos que recollen outros tantos traballos fin de grao e mestrado titorizados por membros de EphysLab e que abordan os seguintes temas, en consonancia coas liñas de investigación deste grupo: a caracterización do recurso enerxético undimotriz no golfo de Biscaia nun contexto de cambio climático; as proxeccións futuras de caudais extremos nas principais cidades da conca do Miño-Sil e o modelado físico e numérico da interacción entre ondas e obxectos flotantes. Por outra banda, o volume publica tres traballos realizados por alumnado do IES As Lagoas que se centran na medición de temperatura e humidade do módulo bioclimático desenvolvido no centro no marco do citado STEMbach; a construción dun aeroxerador eólico e a análise da degradación da madeira tratada ao exterior.