DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Santiago Lago e Manuel Baltar asinaron este mércores un convenio de colaboración

O Grupo de Investigación Gen e a Deputación de Ourense alíanse para dar pulo ao municipalismo

O obxectivo é converter a Red Localis en referente estatal no estudo deste eido

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 08/02/2017

A Deputación de Ourense e o Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen), a través da súa Asociación Gen+, veñen de asinar este mércores un convenio de colaboración que ten como obxectivo profundar no coñecemento da realidade do municipalismo non só galego senón tamén estatal a través da realización de estudos e actividades de investigación e difusión sobre este tema. Entre as medidas contempladas no acordo están a posta en marcha dun observatorio de ámbito galego, a celebración dun congreso estatal e a realización dun informe sobre o goberno local en España. Con esta alianza, desde o Grupo Gen, que ten a súa sede na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, buscan que a súa Red Localis dea un salto cualitativo e se converta en referente estatal en temas locais.

Transcender o eido universitario e ourensán

O convenio, asinado no Centro Cultural Marcos Valcárcel por Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, e Santiago Lago, catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Grupo Gen, está dotado para 2017 con 50.000 euros achegados pola entidade provincial. Salientando como o acordo nace “con vocación de permanencia”, Manuel Baltar destacou como a súa posta en marcha se enmarca dentro “da vocación desta deputación de impulsar o estudo do municipalismo”. Coa posta en marcha das medidas contempladas no convenio e converténdose en “socio preferente do Grupo Gen", engadiu o presidente provincial, a institución agarda “contribuír a desenvolver o mundo do municipalismo non só ourensán senón tamén estatal”.

Pola súa banda, Santiago Lago recalcou como esta actuación se enmarca na liña de preocupación do seu grupo de investigación por “transcender os edificios universitarios” e “ser plataforma de transferencia de coñecemento”. O convenio, dixo, permitirá desenvolver a Red Localis, xestionada polo Grupo Gen. Ata o de agora, subliñou, esta rede "era un referente sobre na realidade galega e queremos selo tamén no eido estatal”. Aínda que con base en Ourense, afirmou, o obxectivo das accións que se levarán a cabo é que redunden nun maior desenvolvemento do estudo do municipalismo en España. Durante a súa intervención Lago fixo fincapé ademais en como este traballo é posible grazas ao entendemento e o apoio que ten o grupo tanto da Universidade de Vigo como dos seus socios.

Tres iniciativas concretas

Segundo explicaron os asinantes do acordo, o convenio contempla tres obxectivos principais para este ano 2017. O primeiro deles é a posta en marcha dun observatorio galego do mundo local que coordinará Alberto Vaquero, codirector de Red Localis, membro do Grupo Gen e docente tamén da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. O obxectivo desta ferramenta, explicou Santiago Lago, será “ofrecer ao cidadáns información en tempo real de cuestións de xestión pública local”. A segunda medida sería a celebración, previsiblemente en xuño e en Ourense, do primeiro congreso estatal sobre administración local. Nesta cita, apuntou Lago, buscarase mesturar a expertos do eido académico e da administración local co obxectivo de afondar no coñecemento da realidade do municipalismo en España. Por último, a terceira das medidas contempladas é a elaboración dun informe sobre a situación do goberno local no ámbito estatal, informe no que, adiantou Santiago Lago, se convidará a destacados expertos na materia a analizar os problemas do municipalismo. Este informe, engadiu o catedrático da Universidade de Vigo, non será tanto unha obra académica como un documento accesible para a consulta da cidadanía.

Financiamento autonómico

Trala sinatura do convenio, Santiago Lago foi preguntado polos xornalistas polo seu nomeamento como representante de Galicia no grupo de expertos que traballará no deseño do novo sistema de financiamento autonómico estatal. Apelando á discreción e prudencia que require esta encomenda, o catedrático da Universidade de Vigo salientou a importancia de que sexa un docente do campus de Ourense o elixido en representación de Galicia para as negociacións. Será, apuntou, un proceso “longo e complexo” no que a esta primeira “fase dos técnicos” lle seguirán outras de carácter político. “Nós botamos unha man pero é aos políticos, escollidos polos cidadáns, a quen lle corresponde tomar as decisións”, afirmou.