DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores en Ciencias da Actividade Física implantan un proxecto integral no club

O grupo de investigación HI-20 ‘toma’ a área deportiva do Pontevedra CF

Apoio ao primeiro equipo, tecnificación da base, programa sociodeportivo e investigación son os catr

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 02/10/2009

Ás veces, a distancia entre unha necesidade e a súa satisfacción é moi curta. Este foi o caso do Pontevedra CF. A directiva buscaba coñecemento especializado e a resposta non estaba máis aló da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que desenvolven o seu labor os membros do grupo de investigación HI-20. Da maridaxe de investigadores e clube xurdiu unha colaboración de I+D+i, Pontetec, da que se benefician ambas partes: o club accede á transferencia do coñecemento propio destes especialistas ao tempo que os investigadores teñen un banco de probas a pé de campo. Pero non só falamos de coñecemento, tamén, segundo indica Luis Casáis, director do grupo, “de ideas para implantar programas, unidades e reaxustar a súa área deportiva”. Así, ademais do campo técnico de apoio ao primeiro equipo ou o de tecnificación destinado ao fútbol base, o proxecto inclúe outros núcleos de acción como un programa socio-deportivo e o propio da investigación.
Trátase dun proxecto integral que, no campo do apoio ao primeiro equipo, contempla a creación de varias unidades que xa están en funcionamento como o apoio ao adestrador a través das figuras do segundo adestrador, preparador físico, readaptador ou adestrador de porteiros, unha unidade de análise de xogo e outra de valoración funcional. En calquera caso, é “un traballo distinto porque nos preocupamos polo deseño do adestramento, a planificación e o control e para todo iso empregamos as novas tecnoloxías”, apunta Casáis, ao tempo que engade que, neste sentido “somos unha avanzadilla”.
Outro dos piares do proxecto é a tecnificación do fútbol base, “establecendo o itinerario polo que debería pasar un xogador”, explica Casáis que, canda Lago e Domínguez vén de recompilar o asunto nunha publicación: Fútbol base: El entrenamiento en categorías de formación. Os dous núcleos de acción restantes están vinculados a un programa sociodeportivo que inclúe un proxecto de escolas que máis aló do fútbol pretende difundir valores e educar os cativos en hábitos saudables, e á investigación que, nestes momentos, concéntrase en catro teses que se serven de xogadores do Pontevedra para recabar datos a pé de campo e ofrecerán a posibilidade de facer unha transferencia directa de resultados.
Este caso de colaboración tan estreita entre universidade e club de fútbol é “unha iniciativa pioneira no panorama nacional”, apunta Casáis e engade “téñense dado outras experiencias pero moi puntuais do tipo de contratación de servizos a un grupo de investigación para a realización de probas de esforzo ou test físicos”. Sen embargo, estas parcerías son máis habituais en Portugal, especialmente no campo da análise do xogo “porque require de persoal especializado e instrumental que os clubs ou non son quen de adquirir ou non dominan”. En calquera caso, unha abordaxe tan ampla non se dera ata este momento. E é que o desembarco do grupo HI-20 no Pontevedra supón unha ‘toma da casa’ desde o punto de vista técnico-deportivo. “É unha aposta polo coñecemento e por unha forma nova de facer as cousa” en liña coas últimas decisións que o club está levando a cabo.

Inserción directa no mundo laboral

O grupo HI-20 está formado por tres investigadores principais (o propio Casáis, Carlos Lago e Eduardo Domínguez), un grupo de 18 novos investigadores e doutourandos e 6 alumnos dos últimos cursos da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Para todos eles, o proxecto é unha boa oportunidade de adquirir experiencia e conseguir unha inserción directa no mundo profesional. “Quédanos o orgullo de dar traballo á xente”, confesa o seu director. E é que ademais, o grupo leva configurando ao longo dos anos unha rede de traballo de persoas “con moi boa formación docente e percorrido profesional”. Entre os máis destacados atópase Eduardo Parra, integrado no corpo técnico do Liverpool; Miguel Martínez, que esta temporada lanzarase a unha aventura co Mamelodi Sundows de Sudáfrica; Juan Solla, preparador físico do Cádiz; ou Jorge Álvarez que desde o Celta B deu o salto ao Real Madrid Castilla. Ademáis deles, Xavier Pascual, actual adestrador do Barcelona de balonmán, tamén forma parte deste grupo que centra a súa investigación nos deportes colectivos.

Cara á excelencia

O grupo estrutura o seu traballo de xeito moi consensuado, establecendo medidas de formación “para orientarnos á excelencia”, apunta Casáis. Así, explica que “estimular a formación permanente da nosa xente é unha das mellores ferramentas” e por iso destinan parte dos contratos e convocatorias de investigación para complementar a súa formación e impulsar o acceso dos seus membros á presentación de traballos en diferentes congresos nacionais e internacionais.
A intensa colaboración co Pontevedra non dá sombra, sen embargo, a outros proxectos que o grupo xa tiña en marcha con anterioridade. Moitos deles están vinculados a teses de doutoramento e impulsados por institucións como a Cátedra de Estudos do Real Madrid, o Consejo Superior de Deportes ou organismos de carácter autonómico. Son traballos que atenden á natureza diversa do grupo que, se ben está focalizado no fútbol “cremos que podemos facer achegas ao outros membros con intereses afín”. Así, estanse preparando teses no ámbito do taekwondo ou de aspectos variados do fútbol como a prevención de lesións ou a preparación física.