DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do programa Consolider Ingenio 2010 HURI-AGE

O grupo de investigación HI13 estuda os desafíos dos dereitos fundamentais ante os avances científicos e tecnolóxicos

Formado por Ana Garriga, Susana Álvarez, Pablo R. Bonorino e Rosa Mª Ricoy

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 02/07/2009

O grupo de investigación HI13 Valores, Dereitos e Estado no século XXI da Área de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo, cuxa investigadora principal é a profesora Ana Garriga, é un dos integrantes do proxecto nacional de investigación de dereitos humanos, que se insire dentro do Programa Consolider Ingenio 2010 do Ministerio de Ciencia e Innovación. No programa, denominado HURI-AGE, en inglés, ou O tempo dos dereitos, participan “máis de 80 investigadores de 12 universidades españolas”, explicou Garriga e cómpre destacar que “é a primeira vez que un equipo formado por investigadores pertencentes ao ámbito xurídico obteñen unha axuda deste tipo, xa que normalmente van dirixidas a contextos científicos lonxe das Ciencias Sociais”, sinala Susana Álvarez, coordinadora do grupo de investigación.
O obxectivo deste programa “é promover accións estratéxicas capaces de marcar un punto de inflexión e propiciar un salto de calidade na investigación xurídica en dereitos humanos”, indicou Álvarez. Así mesmo tamén persegue reforzar a competitividade dos equipos participantes, potenciar a súa visibilidade no panorama internacional e asegurar a transferencia dos resultados da investigación aos axentes sociais e institucións implicados na defensa dos dereitos humanos.

A súa achega ao proxecto

Todas as actividades investigadoras del programa Consolider Ingenio 2010 HURI-AGE están orientadas a analizar o papel dos dereitos humanos nas sociedades contemporáneas, identificando retos e propoñendo vías de solución que conduzan á consolidación e extensión do estado de dereito. En concreto o grupo da Universidade de Vigo, Valores, Dereitos e Estado no século XXI, ten como obxectivo prioritario o estudo e a investigación científica dos principais problemas e desafíos que presentan os dereitos fundamentais na actualidade e, en particular, a relacionada cos retos aos que estes se enfrontan polos avances científicos e tecnolóxicos. “A nosa principal liña de investigación atópase estreitamente vinculada ás novas tecnoloxías, á biotecnoloxía e a súa incidencia nos dereitos humanos”, indicou Garriga. Con esta finalidade, o grupo de investigación atópase en pleno proceso de creación dun laboratorio, centrado nunha das liñas temáticas do programa e que se encargará de desenvolver estudos de tipo teórico-empírico. Neste caso, o laboratorio Sociedad de la Información y Derechos Humanos, que así se chama, centrará a súa actividade na reflexión e estudo “das implicacións éticas, sociais e xurídicas das tecnoloxías da información e da comunicación na nosa sociedade”, prestando especial atención ao tema do tratamento informatizado dos datos persoais, “xa que é un punto clave polo impacto que ten nos dereitos e liberdades fundamentais”, precisou Garriga.
Outra das achegas deste grupo da Universidade de Vigo ao desenvolvemento do programa é a dirección, da man de Garriga, dunhas das accións dentro da Plataforma de Difusión, Extensión e Transferencia, a denominada como Informes: El tiempo de los derechos, A-REPORTS-ddt. Esta acción está orientada “á elaboración de informes e propostas en materia de políticas públicas relacionadas cos dereitos humanos”, explicou Álvarez.