DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na web Ourense 3D presentan unha galería de modelos tridimensionais representativos da cidade

O grupo de investigación de Informática Gráfica e Multimedia sitúa á Universidade na vangarda da tecnoloxía autoestereoscópica 3D

A tecnoloxía permite ver imaxes en 3D sen empregar cascos ou gafas anaglifo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 05/02/2009
O futuro da imaxe é a tecnoloxía autoestereoscópica, unha forma de visualización tridimensional que permite ver imaxes 3D sen necesidade de empregar cascos ou gafas anaglifo. Este é o eido no que traballa o grupo de investigación de Informática Gráfica e Multimedia da Escola Superior de Enxeñería Informática que en colaboración coa empresa Redegal S.L, creou a páxina web Ourense 3D, unha iniciativa pioneira, na que presentan unha galería de modelos tridimensionais representativos da realidade ourensá como o tren das termas, o Edificio Politécnico, o Auditorio Municipal e a Catedral, que se poden visualizar de tres xeitos distintos. O QuickTime VR permite observar desde distintas perspectivas un modelo xeométrico do edificio; en estereoscopía 3D precísase do emprego das gafas anaglifo ou polarizadas para dar a sensación de volume e, por último, en autoestereoscopía 3D, o sistema máis avanzado “xa que practicamente non hai nada feito neste ámbito en España”, destaca Celso Campos, coordinador e investigador principal do grupo. Sen embargo este último modo de visualización non poderá ser apreciado polos usuarios da súa propia man, xa que cómpre dispoñer dunha pantalla especial para poder ver os modelos autoestereoscópicos, polo que “colgamos unha gravación do que nos visualizamos a través de ese monitor especial, aínda que non se aprecia axeitadamente xa que as cámaras de vídeo aplanan as imaxes”, indicou Campos.
Ata o de agora os monitores que existen para visualizar esta tecnoloxía “son prototipos e aínda non están dispoñibles para o gran público”, nesta liña de hardware están a traballar Philips, LG e Sony entre outras, xa que se prevé que os actuais LCD e plasmas sexan substituídos por tecnoloxía de visualización 3D.

Visitar Ourense sen saír da casa

Outro dos proxectos nos que traballou o grupo e que recentemente foi presentado en Fitur, é o realizado para o Concello de Ourense, un innovador alzado 3D do casco histórico que permitirá que a cidade lucir con luz propia en Google Earth. Na web Turismo de Ourense é posible ver un vídeo que amosa un paseo por rúas como Santo Domingo, prazas como O Eirociño dos Cabaleiros ou a do Trigo ou a catedral, todas modeladas cun nivel de detalle abraiante. O pioneiro percorrido virtual polo vello Ourense permite ao visitante disfrutar de once edificios singulares como o Liceo ou o Consistorio, imaxes virtuais pero dotadas de enorme realismo.
Desde a páxina é posible decargar o ficheiro kml que permite realizar esta visita polo Ourense tridimensional desde Google Earth. O sistema tamén permitirá a incorporación de fotos reais con información adicional ademais de indicar os lugares da cidade que son de visita obrigada para calquera turista.

Deseña o teu armario

Outra das liñas de traballo do grupo de Informática Gráfica e Multimedia é “a interacción e a visualización de gráficos en tempo real”. Para este fin están deseñando software, unha librería interface e unha aplicación que lles permite avaliar a súa labor, esta é Sketch Arm. A través da web do mesmo nome os usuarios poden descargar este sistema que lles permitirá deseñar o seu propio armario nun entorno gráfico sen ningún tipo de custe, “tan só lles pedimos a cambio que mediante o correo electrónico nos conten se lles gustou a aplicación e se lles foi de utilidade”, explica Celso Campos.