DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aplicarase dentro do paquete de medidas do novo Código Técnico da Edificación

O grupo de investigación Sonitum desenvolve unha ferramenta de cálculo para a protección e illamento das vivendas fronte ao ruído

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 07/05/2008

O novo Código Técnico de Edificación é o marco normativo que establece as esixencias que deben cumprir os edificios en relación cos requisitos básicos de seguridade e habitabilidade. Entre estes requirimentos, a lei presenta cambios normativos en ámbitos como a seguridade, a salubridade, o aforro de enerxía e a protección fronte ao ruído. Neste último campo, o grupo de investigación de enxeñaría acústica Sonitum, da ETSE de Telecomunicación, colabora estreitamente co Ministerio de Vivenda na elaboración dunha ferramenta de cálculo que dá soporte ao documento básico de protección fronte ao ruído do novo Código Técnico da Edificación.
Segundo explica o profesor Manuel Sobreira, membro de Sonitum e do Comité Científico do Congreso Internacional de Acústica e Vibracións, “o Código Técnico da Edificación ofrece varias posibilidades para resolver unha edificación no eido do ruído e determinar os illamentos dos distintos elementos para cumprir os valores lexislados”. Un dos xeitos de acadar estes datos é o Método Xeral de Cálculo no que se basa a ferramenta, “unha serie de ecuacións e pasos cuxo obxectivo é determinar, para un elemento separador, como interveñen as transmisións a partir do resto dos elementos, o que se chaman transmisións estruturais”, explica Sobreira. O investigador engade que “a partir destas transmisións debemos determinar o comportamento efectivo desa estrutura, e isto cambia moito con respecto á lei anterior e en referencia a como pensa a xente”, subliña.
Habitualmente, en casos nos que os veciños teñen filtracións de sons, téndese a illar as zonas das que semella proceder o ruído, pero segundo explica o investigador “tense demostrado que estas técnicas non funcionan, o ruído pode chegar por outras vías de transmisión, pola propia estrutura. O illamento dun tabique non só depende del, senón tamén do contorno, de con que cousas está conectado como a fachada, condutos de ventilación, etc”. A novidade que aporta esta ferramenta informática baséase na inclusión destes determinantes.

Colaboración co Ministerio de Vivenda

A parte técnica do CTE está coordinada polo Instituto de Ciencias da Construción Eduardo Torroja, que pertence ao CSIC, por encargo do Ministerio de Vivenda. En colaboración con eles o grupo Sonitum desenvolveu unha ferramenta informática que permite aplicar ese método de cálculo. Segundo explica Sobreira, “esta colaboración comezou catro ou cinco anos atrás, pero tamén estivemos durante este tempo en contacto co Ministerio de Medio Ambiente, xa que se esta a desenvolver tamén a Lei do Ruído, que establece os límites no exterior, pero tamén nas vivendas e, deste xeito, implicitamente tamén lexisla cal debe ser o illamento, que ten que ser compatible coa lei de edificación, polo que se tiveron que coordinar os dous ministerios”.
A partir de setembro de 2007 esta relación xa se plasmou dun xeito oficial para realizar esta aplicación, que xa é oficial e accesible para calquera dende páxina web do Código Técnico de Edificación. “Trátase dunha ferramenta en Excel moi explícita que pode ser moi útil para comprender a natureza do CTE e incorpora, ademais, todo o catálogo oficial de solucións construtivas” e, segundo explica Sobreira a partir destas solucións, “combinándoas, constrúese a solución construtiva global e determina o illamento e o cumprimento ou non cumprimento do código”. Partindo da información sobre materiais e técnicas de construción do edificio e a disposición do mesmo, trátase de determinar o illamento dos seus elementos para saber se estes cumpren os requisitos do CTE en materia de ruído.
Entre as novidades desta ferramenta fronte a outras que se atopan no mercado, o investigador apunta que “normalmente, para facer un cálculo deste tipo téñense en conta por exemplo un recinto e o do lado pero, en función da súa solución construtiva, sendo todo igual, incluíndo os materiais, poden variar os índices de illamento atendendo á súa xeometría, á disposición dos ocos”. A ferramenta ofrece unha ampla base de datos que inclúe todas as posibilidades tanto de materiais como de forxados, de materiais de unión entre os elementos ou da disposición. “Elixindo os que se empregan no caso a estudar, chequéanse os elementos separadores atendendo tamén aos elementos cos que se conectan estes, xa sexan zonas comúns do edificio, do exterior, dun local comercial, dunha cociña, dun dormitorio...cada un destes casos é distinto”. A ferramenta, unha vez que conta con todos estes datos, calcula o limiar de cumprimentos e determina se se está ou non dentro da legalidade. En caso de estar dentro da normativa, a ferramenta tamén calcula a solución para que cumpra.

Resultados validados

Esta ferramenta é xa oficial e segundo explica Sobreira “estamos actualizando o catálogo de solucións construtivas así como determinando como se tratan as transmisión a través de fachadas. Son pequenos detalles, pero xa temos testada a ferramenta”. A comprobación dos resultados realizouse comparando datos de edificios medidos a través de ensaios e, contando coa información completa da edificación, “coa nosa ferramenta obtivemos o mesmo resultado, cunha variación de como moito un decibelio. A precisión do resultado confirma o éxito da ferramenta, xa que coincide coa medición real”.

Plan de formación

Pero a utilización desta ferramenta precisa de certos coñecementos no eido acústico e construtivo. “Estamos preparando un plan de formación para traballar coa ferramenta. Hai cursos sobre a parte acústica do CTE, pero para traballar coa ferramenta sobre plano real fai falta certa profundidade de coñecementos na parte acústica porque interpretación do plano require certas aproximacións que hai que facelas cunha mentalidade acústica”. O obxectivo deste programa destinado a profesionais é axudar a proxectar mediante cálculo co CTE, o plan de formación inclúe prácticas de cálculo con planos reais con solucións construtivas reais para determinar, por exemplo, se o illamento entre dous dormitorios cumpre ou non o código.